Martiño Noriega colle a baixa por paternidade tras nacer o seu segundo fillo

María Rozas exercerá como alcaldesa de Compostela en funcións

Martiño Noriega. JUAN CARLOS NORIEGA (EFE)
photo_camera Martiño Noriega. JUAN CARLOS NORIEGA (EFE)

O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, acolleuse ao seu dereito ao permiso de paternidade tras o nacemento do seu segundo fillo, chamado Airas, tal e como informou o Concello. 

Durante as próximas catro semanas -actual período de permiso de paternidade en vigor- a tenente de alcalde, María Rozas, exercerá como alcaldesa accidental. De feito, este mesmo venres ofreceu a rolda de prensa posterior á xunta de goberno local.
 
O Concello informou, no entanto, que o permiso de paternidade non impedirá que participe en determinados actos de representación e, mesmo, en reunións que sexan consideradas especialmente relevantes.
 
Do mesmo xeito, Martiño Noriega, que xa é pai dunha nena, ten previsto presidir o pleno ordinario do mes de xuño. 

Dáse a circunstancia que, do mesmo xeito que o rexedor compostelán, o concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, acolleuse tamén ao dereito ao permiso de paternidade, debido a que acaba de ter a súa primeira filla. Durante a súa ausencia, as competencias están asumidas polo concelleiro Xan Duro. 

Comentarios