Maruxa Seoane dará nome á biblioteca do IES de Monte Porreiro

O centro celebrou o 25 aniversario do seu nomeamento como IES Luís Seoane
Unha estudante pintando o mural 'Autorretrato' de Luís Seoane. DAVID FREIRE
photo_camera Unha estudante pintando o mural 'Autorretrato' de Luís Seoane. DAVID FREIRE

Maruxa Seoane (1912-2003), o nome polo que pasou á historia María Elvira Fernández López, dará nome á biblioteca do IES Luís Seoane xusto 25 anos despois de que o centro adoptase o nome do seu home, o ilustre galeguista nacido en Bos Aires pero de ascendencia galega Luís Seoane (1910-1979). Ela, á parte de ser a súa compañeira inseparable, foi clave para que o seu legado quedase en Galicia, agrupado baixo a Fundación Luís Seoane na Coruña. A presidenta desta entidade, Silvia Longueira, foi unha das convidadas ao acto de celebración deste cuarto de século, celebrado este mércores no instituto de Monte Porreiro e que contou coa presenza de numerosas autoridades acompañando á comunidade educativa. Non faltou a coordinadora estatal das Escolas Asociadas á Unesco, Luísa Márquez.

O acto estivo organizado e guiado polo alumnado do Comité Unesco, que foi dando paso aos distintos convidados, mentres tres estudantes pintaban en directo tres obras de Seoane: o cadro Dúas mulleres sentadas (1974) e o mural Autorretrato.

O director do centro, Carlos García, leu a acta do claustro que en maio de 1994 acordou mudar o nome IFP Monteporreiro por IES Luís Seoane. Tamén interviu Xosé Díaz e Arias de Castro, membro numerario da Real Academia Galega de Belas Artes, quen lembrou a Seoane como "un dos artistas e intelectuais máis importantes da Galicia do século XX, non só pola calidade da súa obra, senón polo compromiso". El modernizou cas tradicións galegas e xunto con Isaac Díaz Pardo, pai do propio Xosé Díaz, recuperou a fábrica de Sargadelos en 1970, co famoso Laboratorio de Formas.

ENCAIXE. O alumnado do Comité Unesco foi intercalando o repaso á figura de Luís Seoane con imaxes da súa vida e obra e as propias entrevistas, como a de Xoana Almar (de Cestola na Cachola, a cooperativa que pintou o mural do patio do instituto con notable influencia do artista) ou Esperanza Marín, da asociación A Fieitiña. quen entregou un cadro do logo do centro (obra de Díaz Pardo) elaborado con encaixe, ao igual que a exposición da palilleira Ana Rosa inspirada no libro Figurando Recuerdos, de Luís Seoane.

A muller, a paisaxe, a pesca e as tradicións son algunhas das temáticas do homenaxeado que foron destacadas polo alumnado.

"Sodes un exemplo para Pontevedra"
Un dos invitados máis aplaudidos foi o alcalde, Miguel Anxo Fernández, Lores, quen destacou "o gran labor de cohesión social e integración" que fixo o centro nun "contorno de barrio multicultural", polo que Monte Porreiro "pode sentirse orgulloso de toda a comunidade educativa", xa que o instituto é "un exemplo para Pontevedra".

Tamén subliñou a súa proxección internacional grazas ao Comité Unesco. O centro atesoura numerosos premios, entre eles dous nacionais e o Cidade de Pontevedra, outorgado polo Concello en 2015.

Comentarios