Medio Natural alivia as restricións de uso das hortas urbanas duplicando os días e as horas

O edil Iván Puentes mantén o límite de aforo dunha soa persoa por bancal e dun máximo de catro persoas ao mesmo tempo para o verxel de Conde Bugallal e de dúas para o do Mirador 
Horta urbana de Pontevedra.DP
photo_camera Horta urbana de Pontevedra.DP

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra aliviará as restricións de uso das hortas urbanas coincidindo coa entrada da provincia na fase 2 da desescalada.

O edil responsable da área, Iván Puentes, acordou coa empresa Feito, que xestiona os verxeis comunitarios, duplicar o número máximo de días e horas permitidos para que os 53 usuarios poidan traballar nos bancais, pasando dunha hora diaria 2 días por semana a unha hora diaria catro días por semana.

Non obstante, o concelleiro lembra que o resto de limitacións e normas de hixiene e prevención continúan en vigor, xa que "non podemos plantexarnos levantar todas as restricións mentres a Xunta de Galicia non modifique a orde que regula a atención de hortas familiares, municipais e de autoconsumo (no mesmo termo municipal do domicilio)”. Así, seguirán en pé as normas que establecen que en cada bancal só poida estar traballando unha persoa e que o número máximo de persoas que poden estar simultaneamente na horta sexa de dúas no caso do verxel do Miradoiro e de catro no de Conde Bugallal.

A Concellería de Desenvolvemento Sostible establece que "o correcto uso das hortas e o cumprimento das normas e medidas de prevención establecidas permanecen baixo a única responsabilidade de cada un dos usuarios/as, quedando o Concello liberado de calquera responsabilidade por posibles infeccións ou contaxios". É obrigatorio o uso de mascarilla e luvas durante todo o tempo que se permaneza no interior da horta, cando se estea en contacto co material e cos apeiros empregados no mesmo e tamén no almacén de material, e por suposto, hai que respectar a distancia social cos outros usuarios, mantendo en todo momento unha separación mínima de 2 metros entre eles.

Mantense o sistema de reserva e a obriga de desinfectar Tal e como se estaba a facer dende a súa reapertura, os 16 concesionarios do verxel comunitario do Mirador e os 37 dos de Conde Bugallal deben reservar con anterioridade a cada visita o día e a franxa horaria concreta na que desexen acudir á horta. Todo material e ferramenta comunitaria ten que desinfectarse antes do seu uso, utilizando para elo a solución hidroalcoólica de superficies posta a disposición dos usuarios a través de dispensadores. A zona de almacén continúa a ser desinfectada periodicamente polo Concello.

Iván Puentes pídelles aos usuarios "paciencia e sentidiño" mentres a Xunta non levante as limitacións, ao tempo que agarda que o Executivo autonómico "sexa coas hortas municipais un pouquiño máis veloz e menos neglixente que coa tramitación dos Erte ou as propostas de control de acceso ás praias". "Mentres Feijóo se mantiña dando roldas de prensa, sen xornalistas por certo, todo ía bastante ben. Tan pronto como tivo que xestionar de verdade, as chapuzas e improvisacións están a ser de traca", sinala o edil de Desenvolvemento Sostible.

Comentarios