Medio Rural estuda como recuperar terras en montes da comarca do Morrazo

Con estes proxectos búscase recuperar e poñer en valor os terreos forestais
Pérez Dubois reuniuse coa Asociación Forestal do Morrazo. CEDIDA
photo_camera Pérez Dubois reuniuse coa Asociación Forestal do Morrazo. CEDIDA

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, reuniuse con representantes da Asociación Forestal do Morrazo para estudar posibles proxectos de recuperación de terras nos concellos que conforman a comarca morracense. 

Así, Pérez Dubois explicoulles aos asistentes ao encontro celebrado este venres que coa futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria da comunidade galega vanse poñer en funcionamento novos mecanismos de mobilización de terras e vanse perfeccionar ferramentas que xa se estaban usando, tales como a figura da Sociedade de Fomento Forestal (Sofor), segundo explicou o director xeral. 

Neste senso, Pérez Dubois sinalou que se analizará a proposta que se envíe desde a asociación para recuperar terras en montes dos concellos de Marín e Bueu para ampliar a zona de actuación ao resto de municipios que conforman esta comarca. 

POSTA EN VALOR. Tal e como explica o departamento de Medio Rural da Xunta de Galicia, con estes proxectos búscase recuperar e poñer en valor os terreos forestais, co fin de sacarlle rendibilidade aos montes á vez que se conservan e protexen de posibles incendios forestais. O director xeral agradeceu o esforzo e traballo deste asociación, que aposta por dinamizar o rural desde as diferentes vertentes que ofrece, neste caso desde o ámbito forestal.

Comentarios