Opinión

Mentiras políticas

No mundo da política reinan, con honrosas excepcións, as mentiras convertidas en trampa, en armadilla para a audiencia

Lembraba eu hai uns meses nun artigo xornalístico que Donald Trump era capaz de producir un mínimo de 15 mentiras políticas diarias, e citaba no mesmo artigo a Joseph Conrad, para quen a mentira -e véxase aí a mentira política- pode chegar a ter o sabor da carne podrecida. Mais, dun tempo a esta parte, a mentira política atinxiu xa o grao de putrefacción avanzada e chega a feder mesmo como un "compost" por descomposición que se proxecta na esfera social.

A mentira política, como ben nos di o antropólogo francés Jean-Jacques Courtine, é na actualidade electrónica, instantánea, global, e entrou na era da produción e do consumo en masa. Que tipo de sociedade se está a crear neste particular "caldo de cultivo"? ¿É compatíbel a mentira coa democracia? Ou dito doutra maneira: ¿pode unha democracia subsistir sen o uso e o recoñecemento da verdade? En realidade, o que se impón a través das mentiras políticas en curso -vexan aí as fake news- é a confusión xeralizada, a proliferación da ignorancia e unha sorte de analfabetismo político que é altamente lesivo para a democracia.

Nos últimos tempos, como é ben notorio, asistimos, sobre todo no escenario político creado pola extrema dereita, ao que algúns autores denominan "bald-faced lies", que non é outra cousa que as "mentiras descaradas". A extrema dereita, aquí e acolá, é experta neste tipo de embustes, que inclúen sempre un uso ofensivo da linguaxe e parten de manipulacións evidentes que constitúen ademais en si mesmas un insulto á intelixencia e á propia realidade. Asistimos, por exemplo, á mentira grotesca sobre feitos e personalidades históricas e, sobre todo nos últimos tempos, a unha sorte de negacionismo científico que trata de desprestixiar calquera concepto ou coñecemento para favorecer intereses económicos ou políticos particulares.

En definitiva, a distorsión da realidade que se produce no imperio da mentira é un fenómeno altamente preocupante. No mundo da política reinan, con honrosas excepcións, as mentiras convertidas en trampa, en armadilla para a audiencia. E estas actúan contra o que se denomina "verdade factual", aquela que con gran esforzo de experiencia e coñecemento establecen os historiadores e os científicos. Vixiemos para que a democracia real non acabe sendo vítima das mentiras, para que a idea de verdade obxectiva (George Orwell) non acabe desaparecendo do mundo.

Comentarios