CONVERSAS NA UVIGO

Andrea Bayer: "Metéronme o conto en vea"

Andrea Bayer participa nunha nova entrega, explicando como entende o teatro en tempos de pandemia
photo_camera A actriz e contadora Andrea Bayer repasa a súa traxectoria nunha nova entrega do ciclo Conversas na UVigo, organizado por Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo. Nunha entrevista realizada pola xornalista Belén López, Bayer explica como entende o teatro en tempos de pandemia.

Dunha aula de teatro na universidade a ter a súa propia compañía escénica enfocada a público infantil. "Alí metéronme o conto en vea, e daquelas clases de teatro saíron proxectos como Pavís Pavós ou Teatro Akatro", explicou este xoves Andrea Bayer.

A actriz e contadora repasou a súa traxectoria nunha entrevista realizada pola xornalista Belén López. Xuntas protagonizaron unha nova entrega do ciclo Conversas na UVigo, organizado por este periódico e a Universidade de Vigo, que en 2020 tivo que mudar o seu formato presencial por charlas gravadas e penduradas na rede. Deste xeito, a entrevista completa en versión audiovisual xa está disponible na páxina web de Diario de Pontevedra.

A conversa comezou polos inicios de Bayer no mundo escénico, cando xa chegara á facultade de Maxisterio de Pontevedra. "Vin que había clases de teatro e animeime a ir despois de consultalo moito cos amigos cos que xogaba ás cartas, recordo que na primeira clase o pasei moi mal porque me daba moita vergoña. De feito, o primeiro ano de representacións saía ao escenario e non tiña diálogo, facía de bufón e só movía a cabeza un pouco", explicou entre risos. Neste sentido, a actriz contou que o teatro lle serviu tamén para vencer aqueles medos e inseguridades.

"Para min aquela foi unha experiencia moi boa, que me permitiu coñecer a xente como a Ana María Matute, que nos viu dar un curso, foi todo un luxo", explicaba sobre aquel tempo como afeccionada.

"Hai que programar aínda que sexa para seis persoas, o teatro ten que ser presencial", asegura

Un momento relevante na súa vida foi cando decidiu dar o salto e adicarse ao teatro de xeito profesional, despois de ter participado en Teatro Akatro e Pavís Pavós. "Daquela tiña uns 20 anos e lanceime, agora pénsoo e é de valentes", recoñece. Daquel atrevemento que supuxo querer vivir da cultura xurdiu a compañía de teatro Galitoon. "Daquela experiencia aprendín o que quería facer e o que non", sinalou Bayer, que dixo que, chegado un momento, abandonou un proxecto "que medraba demasiado" para fundar Baobab Teatro en Pontevedra, xunto á súa parella, Óscar Ferreira. "Ás veces un ten que ser honesto consigo mesmo e atreverse a volver comezar de cero co difícil que é iso", relatou.

A súa compañía, Baobab Teatro, xorde dun proceso de búsqueda tras anos de experiencia en contacto co público enriba e abaixo das táboas. "Eu fun mestra de persoas de todas as idades e non teño ningunha franxa preferida, aínda que no momento que comezamos si detectamos un baleiro na oferta para nenos de Educación Infantil", contou a actriz e guionista teatral, que recoñeceu nutrirse en moitas ocasións das ideas que che achegan os propios nenos. "Aprendín a entendelos dando clase, o contacto con nenos e nenas serviume para coller pistas e ideas, moitas veces incluso lles roubo frases que vou anotando cando falo con eles", conta.

Bayer repasou na entrevista as alegrías que ten levado cos seus espectáculos, como coa concesión do premio ó mellor espectáculo infantil da Feria de Teatro de Ciudad Rodrigo 2015 ou a nominación aos premios Max de teatro con Luppo. "Os premios axudan a que unha compañía despegue, aínda que tamén hai obras que merecerían ser premiadas e non chegan a selo", contou.

Bayer fixo tamén referencia á sensación de inseguridade que implica adicarse ao mundo da cultura. "Fas moitas contas, entre a obra de Fíos e Luppo recordo que pasamos un momento difícil, pensando en aguantar ata onde puidesemos. Logo tivemos sorte e foi ben, pero na corda frouxa estás sempre", sinalou a artista.

Nas obras de Baobab Teatro non existen temas tabú. Fálase da morte ou dos abusos sexuais na infancia. Bayer tense atrevido a tocar eses temas nos seus guións para o público infantil. "A todos os nenos lles hai que falar disto, nunha linguaxe que poidan entender, sen infantilizar. Se ti mandas estas mensaxes aos teus fillos, como que no seu corpo deciden eles, falos máis fortes", dixo durante a entrevista, na que tamén adiantou que o novo traballo xorde dun recorte dun xornal que leu durante a cuarentena.Gon Redaccion. Conversas na UVI, jueves, 3 dic · 11:00–12:00

Unha das iniciativas máis coñecidas de Baobab Teatro é o festival de artes escénicas para bebés Núbebes, un evento que esgota sempre entradas con queixas recorrentes por completar o aforo con rapidez. "Vimos que había un baleiro nesas idades e que había demanda porque os papás e mamás están desexando levar aos bebés a este tipo de eventos, ás veces incluso demasiado", bromeaba. O evento tivo que ser cancelado este ano, a pesar de que estaba a piques de levarse a cabo, por mor do coronavirus.

E é que a pandemia trastocou moitos plans deixando ao sector da cultura especialmente exposto. "Nós pasamos moito medo porque vimos como se nos caían de golpe todos os bolos", contou Bayer. Porén, a compañía logrou "salvar o ano" con actuacións durante a programación de verán do Concello de Pontevedra e outros eventos.

Bayer defendeu durante a entrevista que a cultura, e en concreto o teatro, debe seguir. "Eu penso que hai que programar aínda que sexa para seis persoas, o teatro ten que ser presencial", defendeu a artista.