Milagros Bará enche Nemonon coas súas historias de Pontevedra

A escritora Bará estivo arroupada na presentación pola blogueira Silvia Rodríguez Coladas

Milagros Bará, no centro, ao inicio do acto. CHRISTIAN FERNÁNDEZ
photo_camera Milagros Bará, no centro, ao inicio do acto. CHRISTIAN FERNÁNDEZ

Ninguén escribira nunca nada sobre iogures Garea. Sen embargo, a xeración de Milagros Bará criouse con eles na casa. Forman tanta parte da historia desta cidade como Benito Soto, Ravachol ou os irmáns Muruáis. Foi por iso que a escritora decidíu rescatar a iogures Garea nun artigo do Diario de Pontevedra. O mesmo pasou con Gaseosas El Ama, Establecimientos Agustín e un sen fin de persoeiros e acontecementos do século XIX e XX. Moitos dos protagonistas destes textos de Bará, ou algúns dos seus descendentes, historia viva de Pontevedra, estiveron este venres no Espazo Némonon, no que a autora, acompañada polo director do Diario de Pontevedra, Miguel Ángel Rodríguez, presentou a súa segunda recompilación de artigos dominicais publicados neste xornal. Nesta casión, Crónicas de Pontevedra (Volumen II), reúne 40 textos sobre distintos sucesos, persoeiros e lugares que merecen un oco na memoria da cidade e da provincia.

A guionista, realizadora, divulgadora cultural e articulista Milagros Bará (Pontevedra, 1962) tamén estivo arroupada na presentación pola blogueira Silvia Rodríguez Coladas, unha das propietarias de La Saleta (Ribadumia), pazo que aparece nun dos relatos da obra, que volve ser autoeditada.

Como explicaba Bará na entrevista publicada en Diario de Pontevedra o pasado 20 de decembro, "hai moita xente que le estes artigos todos os domingos, e hai anos que me din que gardan a folla do Diario, o que significa que hai interese no que publico. O valor engadido do libro é o propio formato e que as fotografías son a cor, aínda que algunhas, orixinalmente, eran en branco e negro".

POUCO COÑECIDAS. Bará rescata a través desta serie de artigos historias moitas veces pouco coñecidas relacionadas coa cidade. "En Pontevedra hai moitísima máis historia da que se coñece, mesmo para min, que aínda coñezo moi pouca", di. "Un tema vai levando a outro, a xente cóntame... Hai moita historia, tanto a máis afastada no tempo como a máis recente, e algunha nin sequera estaba escrita". A autora anuncia unha continuación. "Posiblemente, como son historias que xa teño escritas, haberaa. En realidade, agora mesmo xa teño para facer o terceiro e o cuarto".

Comentarios