Opinión

A miña mostruosa amiga / Bágoas

A miña mostruosa amiga

Son unha araña, chámome Paña. Vivo nun xardín, na póla dunha árbore, preto dunha casa.

Un día baixei da árbore, crucei o xardín, subín as escaleiras e coeime por debaixo da porta da casa.

Era de noite, todo estaba en silencio e escuro (pero aínda así podía ver xenial). Escalei ata o piso de arriba coa miña tea de araña. Nun cuarto vin como unha especie de cousa feita de madeira e con algo brando enriba... E de súpeto deime conta de que aquel cuarto estaba cheo de mosquitos. Mmmmmm! A cea estaba servida.

Cando estaba farta de mosquitos, acendéronse as luces e un ser monstruoso levantouse da cousa feita de madeira. Tiña catro brazos, pelos na cabeza e no corpo, dentes planos! e dous ollos. Estaba a piques de desmaiarme polos grans que tiña na cara e no corpo, PUAG!

De súpeto, escoitei:

–Socorro, que noxo!! –gritou o monstro.

–Que pasa? –escoitouse noutro cuarto.

–Unha... ARAÑA!! AAAAAAH!! –gritou o monstro.

–AAAAAAH!! –gritei eu.

–Papi, tranquilo, xa a saco eu –dixo unha cría dos seres monstruosos que entrou pola porta.

A cría monstruosa colleume coa man e díxome:

–Tranquila, amiga. Perdoa polo encontro co meu pai. Danlle moito medo as arañas, pero seguro que el a ti moito máis.

Abriu a fiestra, chiscoume un ollo e deixoume libre.

Carlos Cristos Martínez
CEP Humberto Juanes [Nigrán]

Bágoas

"Unha historia de tristura é dura porque é triste, unha de amor é inxusta por non ser acertada; unha alegre é demasiado feliz…".

Como lembro esas palabras na boca do meu mestre. Unhas palabras que, ditas como el as dicía, eran palabras agradables de escoitar, pero que na miña boca non soan igual. Por iso estou aquí, esperando...

Era un día frío e húmido de inverno. Eu estaba sentado fóra, na escaleira. O vento sopraba nas miñas orellas pequenas e pretendía enmarañar o meu pelo negro. Escoitaba barullo dentro e griteille ansioso se podía ir xogar ao parque. Despois dun instante eterno díxome que si dende a cociña. Seguro que puxo cara de preocupación, porque sabe que son moi descoidado e como chovera tanto…

Ía camiñando amodo, con coidado. Notaba como o frío puña a miña pel morena de cor vermella. Xa estaba bastante preto do parque cando comezou a chover de novo e apurei o paso. Cando cheguei botei un suspiro de alivio, unhas pingas de auga caían amodiño na miña gorra que me protexía os meus olliños marróns. De súpeto parou de chover, mirei ao ceo e unha gota aterrou nun dos meus ollos, unha gota solitaria, estraña e accidental. Nese momento non me dera conta e arrepíntome.

Freguei os ollos e cando os abrín xa era tarde. Foi tan rápido!

Aquel home non tiña corazón. Non era como os demais, parecía diferente e dáballe igual todo. Pasou coma un lóstrego ao meu carón e nin se decatou da traxedia.

Por iso chorei e salpiquei bágoas que cisquei por todo o camiño de volta, non sei se por rabia ou por medo.

E agora estou aquí. Esperando no felpudo da porta da miña casa, sen atreverme a chamar ao timbre. Cuberto de barro de arriba a abaixo por culpa daquel coche.

Alejandro Gómez Granja
CEIP Plurilingüe Antonio Palacios [O Porriño]

Comentarios