"Moita xente colaborou de forma altruísta e o resultado vai sorprender"

O CEIP Parada-Campañó estreará o vindeiro xoves a curtametraxe 'Atopando o Camiño'
Castro e Fanjul con dúas das protagonistas, Laura e Marisé, e outras alumnas participantes. JAVIER CERVERA-MERCADILLO - Curtametraxe CEIP Parada-Campañó
photo_camera Castro e Fanjul con dúas das protagonistas, Laura e Marisé, e outras alumnas participantes. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A cita será o vindeiro xoves, 26 de setembro, ás 19.30 horas no Teatro Principal. A comunidade educativa do CEIP Parada-Campañó estreará a curtametraxe Atopando o camiño, dirixida pola docente María Fanjul e o escritor de crítico de cine Andrés Castro. Nela participa todo o colexio. "O resultado vai sorprender", asegura Fanjul, que xunto a Castro e varias rapazas do centro lembran a rodaxe desenvolvida o ano pasado "e todo o traballo que deu, antes e despois". "Participaron máis de cen nenos, todo o cole, e dous profesores, o de Educación Física, Víctor Couce, e eu, e unha morea de equipo técnico".

"Isto está feito sen presuposto, pero atopamos moita xente que colaborou de forma altruísta", sinala Fanjul. "Iso foi o chulo, ir atopando no camiño, valga a redundancia, xente tan boa e xenerosa de ceder o seu tempo e participar a todos os niveis", apunta Castro. "Si, de feito ía ser un traballo do cole e acabamos implicando a moita xente", engade a mestra.

Entre estes colaboradores figuran desde o gaiteiro Óscar Ibáñez, que pon a banda sonora con música do seu último disco, Alén do mar, á contacontos Raquel Queizás, que fai un cameo, ou a "Carlos e Quique, de Polo correo do Vento". Tamén foi importante a colaboración da Facultade de Ciencias Sociais, que cedeu altruístamente o material de imaxe e son.

Castro e Fanjul coñecéronse na primeira edición de Pontevedra Rodando, o que lle deu a idea á docente de incorporar a tecnoloxía audiovisual ao proxecto sobre o Camiño de Santiago iniciado no colexio no curso 2017-2018. "Propúxose traballar de forma diferente, introducindo os medios audiovisuais, e naceu a cortometraxe -explica-. Traballamos conceptos como a simboloxía, os monumentos, os peregrinos, o vestiario... A curtametraxe é o broche final do proxecto".

Castro escribiu un guión para unha historia de ficción ambientada no Camiño de Santiago. Nel había catro protagonistas con perfís moi distinto, o que foi clave no casting entre o alumnado realizado no colexio. Os elixidos foron Marisé R. Fanjul, Laura Torres López, Alejandro Sanmartín Vidal e Lorenzo Fernandez Millán. Completaron o elenco a codirectora e Víctor Couce, ademais do resto do alumnado en tarefas de figuración. O nome da curta, sinala Castro, débese a que "todos comezan cunha idea, cunha forma de ser, e rematan con outra. É unha especie de aventura, hai música, comedia, intriga... E unha moralexa final" que non se pode revelar. Nada de spoilers.

LOCALIZACIÓNS. Os catro protagonistas xa están no instituto. Dúas delas, Laura e Marisé, lembran que esta foi a súa primeira experiencia diante das cámaras. "As veces poste un pouco nerviosa. Aprendiamos o guión cada día. Era algo novo, pero pouco a pouco fomos aprendendo". Con este proxecto picoulles o gusanillo da interpretación. "Se temos a oportunidade, por que non?".

A rodaxe levouse a cabo en albergues de peregrinos de Pontevedra, no hipódromo de Campañó, no propio colexio e en espazos da Boa Vila polos que pasa o Camiño. Ás máis pequenas, caso de Uxía, o que máis lles gustou foi gravar no hipódromo e, o que menos, a repetición das tomas.

"Están moi ilusionados e non esperan o resultado, xa que a rodaxe non foi lineal", subliña Fanjul, quen destaca o "formidable labor das familias. Respetaron os horarios, transportaron os nenos. Foron un factor fundamental".

Comentarios