O momento decisivo de Yoly Saa: 'El exilio' afianza a súa carreira

A cantautora pontevedresa entrou nas radiofórmulas con Todo contigo, que superou os tres millóns de reproducións en Spotify

A pontevedresa Yoly Saa nunha foto promocional. DP
photo_camera A pontevedresa Yoly Saa nunha foto promocional. DP

"Eu collía a maletiña todas as tardes, hai só tres anos, e ía tocar ao Metro. Iso ensinoume moitas cousas. Penso que foi unha maneira de curtirme. Teño pelexado moito por estar aquí", di Yoly Saa (Pontevedra, 1992). "Ao final, do que se trata é de sementar e sementar sen parar para poder recoller despois. Sigo facendo iso, sementar sen parar. Agora comezo a sentir que recollo iso que sementei hai anos". 

Un ano tan malo como foi 2020, para esta cantautora supuxo un punto de inflexión na súa carreira musical. Despois de anos traballando no sector como compositora ou ofrecendo pequenos concertos, sacou o seu primeiro EP, Magma, no que estaba incluído o tema Todo contigo, que leva máis de tres millóns de reproducións en Spotify. "Non deixa de ter sido un ano complicado no persoal. Pero no profesional recoñezo que si que é verdade que saíu todo ben. O confinamento fixo que moita xente lle prestase máis atención que nunca á cultura e escoitase máis música, incluída a miña".

Saa levaba tempo pelexando por gravar un EP que recollese algúns dos seus temas, pero nin se daban as circunstancias que quería nin atopaba o son que desexaba. "Houbo ata dous intentos previos, pero non me convenceron. Foi en febreiro do ano pasado cando as cousas encaixaron por fin e saíu o EP. Quen podía imaxinar que comezaría unha pandemia", lembra. "Estivemos tres ou catro meses gravando e o resultado foi Magma. Atopar aos produtores Pablo Estrella, Andrés Terrón e Apollo Vice foi fundamental porque a cousa comezou a fluír. Tiña catro cancións nas que confiaba moito e a esas engadimos dúas máis. Eu sabía que buscaba un son moi característico, algo que me identificase rapidamente, que dende o principio de calquera tema se soubera que era eu e non se me comparara con ninguén". 

A historia de amor de Yoly Saa coa música comezou cando aos 13 anos colleu unha guitarra. Autodidacta, aos 18 compuxo os seus primeiros temas. Mentres, estudaba Educación Infantil e xogaba ao fútbol sala no Poio Pescamar. Isto último fíxoo ata 2016 cando decidiu deixalo todo e marchar a Madrid a probar sorte na industria musical da capital.

Eu quero poder vivir disto toda a vida, subir a escenarios de toda España e de todo o mundo, chegar ata onde me deixen

NIL MOLINER. Ao éxito que tivo o seu primeiro EP o ano pasado, especialmente o tema Todo contigo, que comezou a escoitarse en radiofórmulas como Cadena Dial, sumouse a colaboración que a finais do verán realizou co catalán Nil Moliner, un artista que se colou no top ventas de discos en España en 2020. Compositor de varios temas do ex Operación Triunfo Miki Núñez, entre outras cousas, o videoclip do seu tema Soldadito de hierro ten 17 millóns de visualizacións na plataforma Youtube. "Esta colaboración saíu porque temos o mesmo A&R [departamento de artistas e repertorio dunha discográfica] en Warner. Nil quería reeditar esta canción súa, Por última vez, nun dueto cunha voz feminina. Propuxéronmo e eu estiven encantadísima de facelo. El paréceme un artistazo e o tema encántame. Fun a Barcelona para gravalo xuntos e fixéronme sentir como na casa". 

A fichaxe de Yoly Saa pola discográfica Warner foi outro paso fundamental na súa carreira. "Eu xa viña traballando con eles no apartado editorial, é dicir, compoñendo temas para esa empresa, pero para outros artistas. Pero ao ficharte a discográfica, pasas a ser artista dese selo, que é o que son agora. Isto dáche unha visibilidade que doutra maneira é moi difícil conseguir". Entre outras cousas, axuda a entrar precisamente no circuito das radiofórmulas. "É unha posibilidade tremenda para a miña música porque fai que a escoite moitísima xente. Eu quero poder vivir disto toda a vida e quero poder subir a escenarios de toda España e de todo o mundo, chegar ata onde me deixen. As radiofórmulas son un escaparate co que non podería nin soñar sen o apoio da discográfica". 

O confinamento fixo que moita xente lle prestase máis atención á cultura e escoitase maís música, incluída a miña

RELACIÓNS TÓXICAS. Como avance do disco no que está traballando, a pontevedresa lanzou o mes pasado un tema novo: El exilio. "Foi unha canción que compuxen durante a corentena e fala de non permanecer nun sitio onde non se che apreza. É un canto de ánimo para saír das relacións tóxicas nas que moitas veces nos empeñamos en permanecer". Pasado febreiro, a idea é que saia outro single. "Pero imos paso a paso, con calma", explica. "Porque tamén sinto que o traballo de Magma non está rematado, que os temas non tiveron toda a vida que merecían. Confináronnos en marzo e non fixen a xira que me tería gustado facer. Primeiro necesito pechar ese capítulo. Despois chegará o tempo dun novo traballo". 

Comentarios