Monte Pituco urxe á Xunta cumprir a sentenza contra o polígono Marín-Pornedo

Un ano despois do fallo aínda non se excluíu do Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia ►O colectivo convoca un certame fotográfico

Participantes nunha das últimas actividades organizadas pola Asociación Monte Pituco. CEDIDA
photo_camera Participantes nunha das últimas actividades organizadas pola Asociación Monte Pituco. CEDIDA

A Asociación Monte Pituco celebra o primeiro aniversario da sentenza firme e irrevocable que, en setembro de 2017, ratificou unha decisión previa (de maio do mesmo ano) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) na que se lle ordenaba á Xunta que excluise o "Parque empresarial Marín-Pornedo" do Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia.

Un ano despois, o Goberno galego aínda non retirou ese proxecto, polo que a Asociación Monte Pituco vai reiterar de todos os xeitos posibles o cumprimento do ditame xudicial, obrigando a modificar o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia aprobado en abril de 2014 polo Consello da Xunta.

O TSXG determinou daquela que o polígono industrial proxectado no Monte Pornedo (ou Pituco) é inviable dende o punto de vista ambiental pola "decisiva influencia" das características orográficas da zona e pola "afección" que provocaría a nivel "físico, natural e paisaxístico", tendo en conta ademais as complicacións na hipotética urbanización e os seus elevados custes económicos.

Para a Asociación Monte Pituco cómpre enterrar definitivamente este aberrante proxecto, que en xaneiro de 2018 recibiu a puntilla definitiva cunha segunda sentenza firme (tamén da Sección Segunda da Sala do Contencioso Administrativo) contra a clasificación do Monte Pornedo como solo industrial no Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Marín.

CONSECUENCIAS. A Asociación Monte Pituco critica que ningún partido político, "nin sequera os que alardean hipocritamente do seu respecto e da súa defensa do medio ambiente e do patrimonio cultural", indican, se teña pronunciado sobre as consecuencias negativas da aprobación do Plan Básico Autonómico (PBA), que substitúe as Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento a nivel provincial e que, no caso de Pontevedra, tiñan catalogado os Montes do Morrazo como solo rústico de especial protección de espazos naturais.

O PBA só contempla as áreas recollidas na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos, os Espazos Naturais de Interese Local e os Espazos Privados de Interese Local, que unicamente alcanzan unha ridícula porcentaxe do 12% a nivel galego, polo que o novo documento deixa fóra do ámbito de protección non só o "balcón da ría" que representa o Monte Pornedo, senón tamén numerosos puntos emblemáticos da xeografía da bisbarra.

MEDIDAS REAIS. Por iso a Asociación Monte Pituco súmase á Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo na demanda de medidas reais e efectivas para preservar os espazos naturais máis senlleiros, de xeito que actúen como corredores ecolóxicos e se evite que sexan alterados con actuacións urbanísticas, forestais ou doutra índole.

Con dúas sentenzas xudiciais contundentes a prol da conservación do Monte Pornedo, cómpre que os actores políticos, económicos e sociais non só respecten estes logros, senón que enfoquen o seu labor a propostas que non sexan lesivas cos recursos naturais, culturais, históricos e paisaxísticos.

Comentarios