Montse Fajardo recupera la historia de las dos únicas mujeres que fueron fusiladas en Pontevedra

A xornalista abre 'Novembro, mes da memoria histórica' repasando as biografías de Consuelo Acuña e Elvira Lodeiro
Montse Fajardo, na Casa das Campás
photo_camera Montse Fajardo, na Casa das Campás

Consuelo Acuña e Elvira Lodeiro foron as dúas únicas mulleres fusiladas en Pontevedra tralo levantamento militar de 1936. A súa historia, ata o de agora descoñecida, vén de ser recuperada dentro do programa A memoria das mulleres, que coordina o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, e que aspira a promover unha reparación histórica con respecto ao tratamento das figuras femininas nas crónicas oficiais. A xornalista Montse Fajardo reivindicou a biografía das dúas mulleres, o martes, no que foi o primeiro relatorio do ciclo Novembro, mes da memoria histórica. A súa intervención, centrada na represión que sufriron as mulleres ao longo da Guerra Civil, tivo lugar na Casa das Campás.

"O programa A memoria das mulleres continúa co seu labor de investigación para atopar historias de mulleres e seguir ampliando as biografías xa recompiladas de traballadoras, pioneiras ou represaliadas", explica o Concello. "Nos últimos meses houbo achados importantes, pois localizáronse as familias das dúas únicas mulleres fusiladas en Pontevedra: Consuelo Acuña (60 anos) e Elvira Lodeiro (28). As familias relataron as biografías destas mulleres e lembraron a ‘onda expansiva’ que deixou o terror". Consuelo Acuña e Elvira Lodeiro foron fusiladas trala queima do alboio dunha casa de Salcedo, onde estaban agochados dous republicanos: Manuel Méndez Montes e José Manuel Gómez Corbacho. O primeiro era o cuñado de Consuelo e o segundo era o home de Elvira.

12 DE DECEMBRO. Montse Fajardo contou este martes como foi que se produciron os fusilamentos. "Houbo un sopro e, o 12 de decembro, os cívicos (milicias nacionais) foron á casa de Salcedo. Queimaron o alboio, matando aos dous fuxidos republicanos no acto, e detiveron aos donos da casa". Os donos eran Consuelo e Ramón Acuña, cuñados de Manuel Méndez, irmáns da súa dona, Manuela. "Por iso o tiñan agochado. Tamén detiveron a Elvira Lodeiro, a muller de Gómez Corbacho", explica o Concello de Pontevedra. "Os tres foron fusilados nos días seguintes: Ramón e Consuelo o 14 de decembro e Elvira, que dixo estar embarazada, o 19, tras levala a un médico que certificou que o embarazo era mentira".

Durante a súa exposición, Montse Fajardo tamén contou que fora da familia de Consuelo Acuña e Elvira Lodeiro. A primeira deixou orfo un fillo adolescente. Tivérao de solteira e tiña unha discapacidade. "Foi criado pola súa tía, Manuela Acuña, que naquel suceso perdeu ao seu home e aos seus dous irmáns".

A segunda deixou orfas dúas nenas, Pilar e Manolita. "Pilar, hoxe falecida, criouse na Arxentina coa irmá da súa nai e Manolita, que actualmente reside en Vigo, foi criada pola familia de Mauro Caballero, dono dunha imprenta e dunha funeraria de Pontevedra". Mauro Caballero tamén sufriu a represión franquista e estivo agochado durante meses nun oco da cociña da súa casa de Pontevedra para salvar a vida. "As dúas irmás nunca máis se volveron ver".

OUTRAS HISTORIAS. O Concello lembrou que o programa municipal A memoria das mulleres tamén rescatou, nestes últimos meses, outros perfís, como o de Olivia Tomé A Rangha e Matilde Caamaño.

"Olivia Tomé, membro dunha familia represaliada, foi rapada polos cívicos", indica o Concello. "Entre os perfís das viúvas dos fusilados o 12 de novembro, atópase o de Matilde Caamaño que, tras ser expropiado o sanatorio do seu home, o doutor Amancio Caamaño, que era tamén o espazo que acollía o fogar familiar, marchou para Santiago e converteu a súa casa de Compostela nunha pensión para poder saír adiante".

Os cívicos queimaron, o 12 de decembro, o alboio de Salcedo no que se agochaban Manuel Méndez Montes e José Manuel Gómez Corbacho Consuelo deixou orfo un fillo cunha discapacidade e Elvira dúas nenas que se separaron e nunca máis se volveron ver

Comentarios