Opinión

A morte a prazos de Unesco

Nesta semana que remata, entre declaración e declaración sobre o proceso soberanista, soubemos do anuncio de abandono de Unesco por parte dos Estados Unidos e de Israel.

Unesco é unha organización de carácter mundial, nacida baixo o paraugas da ONU, que ten unha misión clara: defender o avance social a través da educación, a cultura e a ciencia. Naceu despois da Segunda Guerra mundial e buscaba curar as feridas que nos causamos entre todos na primeira metade do século XX a través da formación, da creación de valores universais e, sobre todo, a través do fomento da aceptación da interculturalidade. Neses primeiros albores dos anos cincuenta, e despois de dúas Guerras Mundiais atroces, o paradigma de relacións internacionais dominantes fundamentábase na colaboración entre gañadores e perdedores e na comprensión das identidades culturais, sociais e económicas de todos os pobos do mundo.

Ao longo de todas estas décadas, foron varias as tensións severas que sufriu a Unesco. Na época do presidente Reagan, os Estados Unidos abandonaron a Unesco porque entendía que había un claro escoramento cara as posicións soviéticas, algo especialmente sensible en plena Guerra fría. Co presidente Bush pai pasou algo parecido e incluso baixo o mandato do presidente Obama houbo problemas serios pola incorporación de Palestina como membro de dereito de Unesco. A resposta dos Estados Unidos, no ano 2011, foi a suspensión das achegas americanas ao organismo, que andaban nos cen millóns de dólares anuais.

Nesta ocasión, a escusa do presidente Trump e a visión antiisraelí que, segundo el, ten a Unesco. Foi curioso que primeiro fixese o anuncio os Estados Unidos e logo, máis tarde, o propio goberno israelí, pero en calquera caso, o certo é que volve xurdir o problema do concepto ideolóxico no seo dos debates sobre educación, cultura e ciencia.

A marcha dos Estados Unidos e de Israel, prevista para o ano 2018, non suporá un grande problema operativo para Unesco, pero si é unha mostra do cambio que están tendo os grandes organismos internacionais. Nos cincuenta, o problema era crear un lugar de discusión onde todos os países do mundo puideses aflorar as súas preocupacións e diferenzas para tentar solucionalas civilizadamente, e non a través das armas. É verdade que na segunda metade do século XX non tivemos guerras mundiais, pero si moitas guerras locais que provocaron miles de mortos, igual que nas guerras do 14 e do 39.

Sen embargo, o problema agora non é o mesmo. A modernidade fixo que pequenos países se converteran en polos imprescindibles para occidente, e que grades estados coma a URSS se diluíse en máis dunha ducia de pequenos estados. Agora o problema non é evitar guerras, senón que non nos autodestruamos con temas tan importantes coma o cambio climático ou a xeración de riquezas con elementos nin sequera concibidos hai trinta anos.

Por iso, a escusa dos norteamericanos e os israelís é un vello argumento, pero que permite apuntar a necesidade dun cambio na misión dos grandes organismos internacionais máis acorde coas necesidades da humanidade para os vindeiros cincuenta anos.

Comentarios