Unha mostra no Gaiás trae de volta a 'Santa' de Asorey despois de 70 anos

A escultura, levada a Uruguai en 1951, é a estrela de Galicia, un relato no mundo

Santa, a escultura en madeira policromada do escultor cambadés Francisco Asorey, é unha das obras de arte galegas máis significativas e controvertidas do século pasado, polo potente e provocador simbolismo co que representou a muller galega, rachando cos códigos estéticos vixentes naquel tempo.

Considerada polo propio escultor como a obra da que estaba máis satisfeito, esta peza levaba fóra de Galicia desde 1951, cando foi enviada ao Uruguai. Volverá pois por vez primeira a España en case setenta anos para ser exhibida na mostra Galicia, un relato no mundo, a primeira das grandes exposicións con motivo do Xacobeo 2021, que se inaugurará no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura o vindeiro 14 de novembro comisariada por Manuel Gago.

A Santa de Asorey representa unha labrega galega cun corpo espido marcado polo duro traballo –nunha representación moi afastada da figura feminina idealizada que predominaba na arte de principios do século XX– portando ademais un xugo de vacas, o que potencia a mensaxe de traballo e sometemento.

A obra sería cualificada na prensa da época como "dun realismo cru, brutal"; "dunha orixinalidade, atrevemento e beleza que só un artista de excepcionais facultades pode concibir e executar", ou "a obra máis orixinal, máis dotada de virtualidade estética e de resistente valía que hai na Exposición Nacional".

No outro extremo, o mesmo Valle Inclán, nunha entrevista na Revista de Arte Gallego en 1930, descualificaría a obra tachándoa de "grotesca". Anos despois, nunha entrevista á prensa en 1956, Francisco Asorey consideraría esta escultura como a obra da que se atopaba "máis satisfeito".

Entre as máis de 300 pezas que se exhibirán en Galicia, un relato no mundo destaca tamén unha obra de gran formato e moi pouco coñecida: o retrato ecuestre de Pedro Antonio Fernández de Castro, décimo conde de Lemos, que foi vicerrei do Perú entre os anos 1667 e 1672.

O cadro vincúlase coa participación da alta aristocracia galega no goberno da América colonial e atópase actualmente no Museo de Arte Español Enrique Larreta (Buenos Aires). Trátase dunha representación única dun aristócrata galego do século XVII, debida ao seu cargo como vicerrei.

Asemade, con motivo desta exposición cruzarán tamén o Atlántico e poderanse ver por primeira vez en Galicia dúas pezas moi vencelladas ao nacemento das comunidades galegas en América, que serán fundamentais na conformación da identidade da Galicia contemporánea.

Por unha banda, formará parte da mostra a bandeira sinxela do Tercio de Galegos de Buenos Aires, de principios do século XIX. Esta peza está vinculada ao nacemento da unidade de infantería formada por seiscentos voluntarios galegos que se distinguiu na resistencia da cidade de Buenos Aires durante a invasión inglesa de 1807

"En Galicia, un relato no mundo" tamén se exhibirá a talla do Santiago Matamouros da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, da Habana.

Comentarios