'Muiñeira da Nova Pontevedra', o novo himno da cidade do Lérez

As Pandeireteiras de Verducido gañan o primeiro Premio Cultivando Música do Festival de la Luz na categoría de Música Tradicional cunha peza que fala da Boa Vila
As Pandeireteiras de Verducido
photo_camera As Pandeireteiras de Verducido

"Cántoche na Ferraría, báiloche na Peregrina e heiche tocar o pandeiro dende a Leña ata o mosteiro". Con coplas coma esta gañaron as Pandeireteiras de Verducido o primeiro Premio Cultivando Música, que convoca anualmente o Festival de la Luz para promocionar novos talentos no eido da música tradicional e no pop rock. Cecilia, Clara e Candela, de 12, 14 e 15 anos, fixéronse con este recoñecemento na categoría de Música Tradicional, o que lles permitirá gravar un EP e actuar no Festival de la Luz o vindeiro mes de setembro.

A súa peza é un himno á cidade do Lérez e leva por nome 'Muiñeira da Nova Pontevedra'. Elas mesmas a compuxeron inspirándose na súa cidade. A canción convenceu a un xurado composto pola propia Luz Casal, Farruco Castromán, Luis Tosar e Paco Pérez Bryan. Na peza falan de eventos tan pontevedreses como as Festas da Peregrina, a Feira Franca ou o papagaio Ravachol.

"Pontevedra, Pontevedriña, gústame camiñar polas rúas que andiveron Castelao e Valle Inclán", cantan as mozas na peza. "O himno de Pontevedra sempre foi o de 'Pontevedra é Boa Vila', pero elas quixeron facer un máis actual que fale da cidade e das súas festas", contaba onte Félix Fariña, presidente da asociación Pandeireteiras de Verducido, que se puxo en marcha para formar o grupo. Deste xeito, Fariña insiste en que "na Ferrería xa non hai ningunha fonte (tal e como indica a canción) e estaría ben ter un himno máis actual". As tres mozas levan dende os tres anos tocando a pandeireta nunha agrupación musical e, hai cousa dun ano, formaron un grupo pola súa conta para actuar. Xa tocaron en festas e romarías e mesmo estiveron no programa Luar.

Tras gañar o galardón que entrega o festival de Luz Casal, a ilusión destas mozas é poder cantar esta muiñeira nas Festas da Peregrina, a poder ser na Praza da Ferrería, para que todo o mundo escoite o novo himno de Pontevedra que elas mesmas crearon.

Comentarios