'Mulleres en acción, Violencia Zero' lanza o seu "berro cheo de rabia"

A Deputación presenta a terceira edición do programa, que ao longo dun ano levará 25 propostas artísticas aos concellos da provincia
Performance de María Marticorena, no Pazo Provincial
photo_camera Performance de María Marticorena, no Pazo Provincial

"Isto é un berro alto, forte, cabreado, cheo de rabia e cheo de denuncia para encher as conciencias coas moitas violencias que padecen as mulleres no mundo. Elas son as que cargan o peso da pobreza, da falta de recoñecemento, das imáxenes que nos converten en obxectos, de ter salarios menores que os homes por facer os mesmos traballos, do maltrato verbal e físico e dos asasinatos polo feito de ser mulleres".

Estas palabras, pronunciadas pola presidenta da Deputación, definen o obxectivo co que en 2015 a institución provincial puxo en marcha 'Mulleres en acción. Violencia Zero', un programa que, a través de accións artísticas protagonizadas por mulleres, pon o foco nunha lacra que no que vai de ano xa levou por diante a vida de 49 vítimas de violencia de xénero, sete máis que no 2016 por estas mesmas datas.

Onte tivo lugar a última acción da segunda edición: María Marticorena representou 'Non' no hall do Pazo Provincial e, como dixo Carmela Silva, coa súa performance amosou que "de pequenos dicíannos que os trapos sucios hai que lavalos na casa, pero xa é hora de que as violencias contra as mulleres se laven en público, que todo o mundo se faga consciente delas e que non se mire cara a outro lado".

No acto estiveron presentes representantes da institución provincial e tamén de diversos concellos, entre eles os alcaldes de Cambados, Barro, O Porriño, As Neves, A Illa de Arousa, Moaña e Mondariz e tenentes de alcalde doutros municipios. Así mesmo, asistiron integrantes do servizo provincial de Igualdade e de varios CIM, ademais de artistas e outros invitados.

A acción de María Marticorena non só clausurou o programa do ano pasado, senón que, con ela, a Deputación deu paso ó inicio da terceira edición, que empezará o vindeiro día 25 e, ao longo dun ano, desenvolverá 25 accións artísticas en diferentes concellos da provincia.

A comisaria da mostra, Paula Cabaleiro, agradeceu o labor da institución provincial "para empoderar ás mulleres" do mundo da cultura e tamén o compromiso das creadoras que integran o cartel. "As artistas contemporáneas son valentes todos os días da súa vida, pero facelo por unha causa coma esta é para celebrar", subliñou. "Esperemos que este programa siga sendo unha plataforma para darlles visibilidade e agardamos que algún día este tipo de accións non se teñan que facer e sexa verdade que hai violencia cero".

O DÍA 25. As primeiras citas desta nova edición terán lugar o día 25 deste mes en Pontevedra e Vigo e a partir de entón iranse estendendo, pois o propósito é "chegar a todos os recunchos da provincia", segundo sinalou Carmela Silva.

Ademais de performances, o programa incluirá poesía, música, graffiti, danza contemporánea e acción escénica co obxectivo de fomentar entre a cidadanía unha actitude crítica e reflexiva sobre a violencia machista ao tempo que se lle dá visibilidade ás artistas galegas. A este respecto, Silva destacou que "no mundo da cultura hai milleiros de mulleres traballando e, sen embargo, é un dos eidos onde máis invisibilidade feminina existe. Con este proxecto queremos empoderalas. Son 25 accións cargadas de compromiso, mensaxe, contido, denuncia e loita pola igualdade" porque "precisamos 365 días ao ano de reivindicación", manifestou.

A presidenta provincial quixo clausurar o acto de onte cunha mensaxe optimista: "Imos rematar coas violencias contra as mulleres. Non teño dúbida de que vai ser así, porque non hai causa máis xusta que a igualdade e as causas xustas, aínda que leve tempo, sempre acaban gañando".

Comentarios