'As mulleres que opinan' celebra a súa terceira edición con 200 persoas inscritas

O encontro de xornalismo terá lugar de xeito online debido ás medidas de seguridade derivadas da pandemia
2020062615083983879
photo_camera Magda Bandera, unha das ponentes. DP

Case 200 persoas se inscribiron xa no encontro de xornalismo As mulleres que opinan son perigosas, que se celebra dende esta tarde por vía telemática. Esta é a terceira edición do congreso, nacido en Pontevedra como reacción a un encontro similar de columnismo no que só participaban firmas masculinas. O obxectivo da cita é visibilizar ás mulleres xornalistas como creadoras de opinión. Desta vez, contará con oito ponentes que reflexionarán sobre as consecuencias da crise sanitaria no xornalismo, especialmente nas profesionais.

Promovido polas xornalistas Susana Pedreira e Diana López e cofinanciada un ano máis pola Deputación e polo Concello de Pontevedra, esta edición volverá a contar con mulleres referentes do panorama xornalístico galego e estatal. Entre a tarde deste venres e a mañá do sábado, amais das organizadoras, participarán no encontro Claudia Morán e Tamara Montero de Xornalistas Galegas; Clara Jiménez de Maldita.es; Magda Bandera, de La Marea; Noemí López Trujillo de Newtral.es; Ángeles Caballero de El Confidencial, Onda Cero, La Sexta e 24 Horas; e as galegas Sara Vila e Selina Otero de Diario de Pontevedra e Faro de Vigo, respectivamente.

O encontro comezará este venres ás 17.00 horas, desenvolverase vía Zoom e poderá seguirse na web e nas redes Sociais da Deputación de Pontevedra. A presidenta provincial, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, e ás organizadoras asistirán ás xornadas de forma presencial desde un set no edificio administrativo que, amais, contará na súa estética con flores e plantas do Baixo Miño como mostra de apoio ao sector dos viveiros que sufriu de forma moi dura o peor momento da crise sanitaria.

O formato virtual non restará participación ao público. Deste xeito, as case 200 persoas inscritas, que seguirán as conferencias a través de Zoom, poderán intervir na quenda de preguntas despois de cada intervención. As inscricións poden facerse a través das web oficiais de Deputación e do Concello de Pontevedra.

O encontro As mulleres que opinan son perigosas, que xurdiu en 2018 como resposta e en desagravio ao Congreso de Columnismo en León que se anunciou sen unha soa muller, converteu a Pontevedra nun referente con millóns de impactos nas redes sociais nos dous anos que se leva celebrando. Nas súas edicións anteriores, reuniu a columnistas recoñecidas en todo o estado, entre elas xornalistas como Ana Pardo de Vera, Pepa Bueno, Elisa Beni, Ana Romaní, Gemma Herrero, Marta Sanz, Lorena Maldonado, Tati Moyano, Rosa Montero, Celia Blanco, Anais Bernal, Fernanda Tabarés ou Anita Botwin.

Programa
Venres

17.00. Inauguración e benvida da man de Carmela Salva e Miguel Anxo Fernández Lores coas organizadoras Susana Pedreira e Diana López Varela.
17.15.  Claudia Morán e Tamara Montero, de Xornalistas Galegas. As mulleres na opinión.
18.00. Clara Jiménez Cruz. Maldita.es: periodismo para que no te la cuelen.
18.45. Magda Bandera. Medios cooperativos con agenda propia y perspectiva de género.

Sábado

11.30. Noemí López Trujillo. Reporterismo feminista. La elección de los temas y las voces protagonistas.
12.15. Ángeles Caballero. Actualidad política. Humor y color en la crónica.
13.00. Sara Vila e Selina Otero. A crise da covid dende unha perspectiva local. A educación que vén.

Comentarios