Lalín énchese de visitantes no 50 aniversario da Feira do Cocido

Freixanes reivindicou no seu pregón a igualdade entre homes e mulleres: "Chegou o tempo de instalarnos na modernidade"

Rafael Cuiña e Víctor F. Freixanes. XOÁN REY (EFE)
photo_camera Rafael Cuiña e Víctor F. Freixanes. XOÁN REY (EFE)

Centos de persoas asistiron hoxe á tradicional feira do Cocido de Lalín, que conmemorou o seu cincuenta aniversario nesta edición de 2018.

O presidente da Real Academia  Galega (RAG); Víctor Fernández Freixanes, foi o encargado este ano de pronunciar o pregón da Feira  do Cocido. Na súa alocución, cualificouna como "a nosa festa grande de inverno".

"O cocido é, sen ningunha dúbida, a gran catedral da gastronomía galega, o noso primeiro prato nacional. Hai outros, afortunadamente, que este país, se de algo sabe é de traballar as materias primas e celebralas na mesa: no mantel dos ricos e no cunco dos humildes", dixo o escritor e profesor.

Na súa intervención, citou algún dos nomes que lle precederon como pregoeiros, como Álvaro Cunqueiro, Manuel Fraga, Carlos casares, Victoria Prego, Susanna Griso, Mariano Rajoy ou María Teresa Campos.

Neste punto, dirixiuse ao alcalde de Lalín "para corrixir esta desproporción", pois foron moitos máis homes que mulleres os pregoeiros.

"Aínda que só sexa por elemental razón de xustiza histórica: porque nas  potas, nas cociñas, antes nas  lareiras, mandaron e gobernaron elas. Mandan e gobernan. E por tanto, no Señor Cocido tamén", dixo. "E porque -engadiu- chegou o tempo de instalarnos na modernidade e asumir ese principio elemental da igualdade entre as persoas en función dos seus méritos e calidades, non por outras condicións", matizou Freixanes.

O programa da feira do Cocido, ademais do pregón e o tradicional desfile, incluíu como é habitual a entrega da Distinción Aldea Singular do Concello de Lalín, que alcanzou a súa terceira edición.

Nesta ocasión a parroquia premiada foi A  Xesta, que foi destacada polo xurado entre as outras candidaturas, entre outras cousas, pola súa gran actividade social e a súa integración paisaxística e arquitectónica.

Outra das actividades destacadas da xornada foi o Cocido Solidario, aberto ao público e que substitúe á anterior comida oficial. Coa celebración deste evento, o Concello lalinense pretende recadar fondos con fins solidarios para os efectos de destinalos ás distintas asociacións sen ánimo de lucro do municipio.

Comentarios