Campillo é o 'multiusos' da muralla granate

En só tres partidos este curso, o central Campillo xa xogou nos dous laterais do equipo: "O perfil esquerdo é igual co dereito. Hai que defender ben e darlla ao que sabe"
Alberto Campillo, no campo de A Seca. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Alberto Campillo, no campo de A Seca. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O valor dun xogador está no seu rendemento. Pero si un futbolista é capaz de dar un bo nivel en varios postos, a súa importancia para un adestrador e unha plantilla acada unha maior cotización. Un deses casos de home para todo tan indispensable dentro dun vestiario é Alberto Campillo, un rapaz de 31 anos que cumple a súa cuarta temporada —non consecutiva— no Pontevedra. E en tan só tres partidos, xa xogou nas dúas bandas como lateral. Todo iso sendo central por natureza. "Xa son anos xogando na defensa e afaste un pouco a onde te poñan", apunta o vigués.

Desde a chegada de Pouso, e tras superar unha lesión muscular que o mantivo fóra do equipo durante algo máis dun mes, Campillo acumula dúas titularidades. Pero no partido contra o Marino de Luanco, fixoo nun posto no que aínda non se estreara en Pasarón: "No Celta B xoguei máis de lateral dereito, logo pasei a central con Luisito (no Ourense). Tamén con el debutei de lateral esquerdo e agora volve tocar. Aínda que pareza un tópico, trátase de aportar", sinala Campillo, que recalca que lle "dá igual" a posición.

"Hai que ter unha boa colocación, intuir onde pode ir o balón e botarlle o 100 % no campo"

Así, ante o equipo asturiano, Campillo voltou lembrar os seus tempos no perfil manicho, supostamente incómodo para el. "É un pouco o mesmo que na outra banda: hai que ter unha boa colocación, intuir onde pode ir o balón e botarlle o 100% no campo e correr máis co rival. E despois co balón, darlla aos que saben, que para iso os temos", explica o defensa.

SEN ESPECÍFICOS. Precisamente o posto no que Pouso usou a Campillo no derradeiro encontro é o de máis debate no entorno granate. A marcha de David Castro deixou un baleiro que se tratou de encher co sub23 Naveira. O rapaz comezou xogando, pero perdeu o posto e acumula un mes sen contar con minutos. "Nós non podemos entrar niso. Naveira desde o primeiro día adestra como o mellor. É un xogador novo con moita proxección. Non creo que faga falta nesa posición alguén, porque tamén está Álex para cubrir, está Pol, agora estou eu... De momento estase solventando a situación", apunta o integrante da zaga.

Neste mesmo sentido, Campillo lembra o importante que é contar con xogadores polivalentes e recalca que el non é o único multifunción do equipo: "Aquí non podemos ter xogadores específicos de un posto. Pol, Erraji, Churre, eu... somos centrais que podemos xogar de laterais. A polivalencia que che dá iso permite facer variantes no xogo. Roberto fixo o equipo con esa intención".

Precisamente esas variantes no xogo foron unha das claves para superar o mal momento que o equipo vivía hai un mes. Agora, unha destitución e catro partidos despois, o Pontevedra afronta o futuro cun optimismo impensable hai 30 días. "Pasamos unha mala racha que rematou cunha destitución do adestrador. Logo púxose Jesús e fixoo ben. Agora veu Carlos e o está a facer ben tamén. Como digo, son baches e hai que pasalos. Agardo que o noso fose ese e agora non teñamos ningún máis e atopemos unha regularidade que nos permita estar neses postos de arriba", explica Campillo.

"A nivel físico estamos igual pero tacticamente temos que coller novos conceptos"

Sobre se o cambio da mensaxe ao equipo que se produciu co relevo no banco era necesario, o vigués non se molla de todo, pero apunta que "o club tomou esa decisión e os feitos están aí". E que aprendeu o equipo da crise? "Aprendemos que todo se pode levantar. A cabeza de todos os xogadores nese momento está moi fastidiada, afundida porque non saen as cosas. Pero mira: nun partido chega unha vitoria e con iso xa cambia unha dinámica", responde o defensa.

Deste xeito, o PCF acumula catro vitorias seguidas. E iso que o equipo aínda non está afeito ao novo adestrador: "A nivel físico estamos igual, pero tacticamente temos que coller novos conceptos. Carlos veu para aportar esa nova idea. Evidentemente, os resultados son para ser ser optimistas. Debemos ser un equipo gañador, que pretenda vencer en todos os partidos. Polo menos que non nos achaquen falta de actitude ou intención. Nós temos que deixar a pel no campo e tentar buscar esa idea de xogo. Debemos facer que esa ilusión se transmita á grada para ver cada vez o campo máis cheo e tratar de estar o máis arriba posible".

"O club tomou a decisión (cambio de adestrador) e os feitos están aí. Nós aprendemos que todo se pode levantar"

Agora, o PCF viaxa a Ibiza para medirse á sorprendente Peña Deportiva. Será un partido diferente ao de Las Rozas. "Son equipos distintos. O campo non está tan ben e non van ir os balóns tan a ras. Eles son moi verticais. Temos que vixiar aos seus xogadores de arriba. Hai que facer un partido moi serio para intentar meter as que teñamos", resume o vigués, que vive con "alegría" está segunda de granate. "Saín dun xeito triste e regresei con ilusión. Custa atopar minutos, pero hai que loitar por iso e facer grupo. Agardo rematar aquí os meus anos como futbolista profesional", recoñece Campillo, que ten a "espiña cravada" de non ter xogado o play-off co Pontevedra. "Este club vai medrar nos vindeiros anos e regresará seguro a Segunda. Non sei se este ano ou dentro de varios, pero seguro. E ogallá sexa conmigo", finaliza.

Comentarios