''A música é unha gran compañeira de accións solidarias como a de Unicef''

Carlos Núñez, o gaiteiro máis famoso do panorama musical actual, estará mañá mércores en Pontevedra. O motivo non pode ser máis solidario: todo o que se recade no concerto que dará no Centro Social de Novacaixagalicia (21.00 horas) será doado á Comunidade Solidaria Mil Futuros, unha iniciativa en favor de Unicef que axudará á creación de escolas en Angola.

Como xurdiu a idea de poñer en marcha este proxecto solidario?

Foi unha proposta da asociación Mil Futuros e todo o recadado irá a Unicef. A verdade é que é fantástico, porque estamos nunhas datas moi dadas a este tipo de accións.

Ademais de vostede, quen participará no concerto?

Haberá moitos artistas invitados. Como imos presentar o espectáculo ‘Alborada do Brasil’, precisamos de moitos colaboradores. Estarán os meus compañeiros do grupo ao completo, a cantante Fernanda Cabral, o percusionista de Bahía Alan Sousa –do grupo de Carlinhos Brown–, a cantante e música irlandesa Niamh Ní Charra e catro novos talentos da gaita galega. Faremos todo un percorrido pola nosa experiencia de ‘Alborada do Brasil’ (o noso novo disco) e por éxitos de toda a vida. Soarán músicas como ‘Mar adentro’ e outras clásicas do meu repertorio.

A posta en escena estará vinculada ao Nadal?

Máis que a posta en escena, o contido. Vai ser un concerto moi de Nadal, polo estilo e o tipo de música.

Non é a primeira vez que participa nunha iniciativa deste tipo...

Tódolos anos o facemos. Hai zonas onde hai máis tradición, como en Cataluña ou Madrid. En Galicia temos feito algún, pero en Pontevedra é o primeiro.

Sempre sentará ben formar parte deste tipo de proxectos...

A música é unha gran compañeira deste tipo de accións solidarias. O obxectivo dun acto así non é tanto recadar fondos como concienciar á xente. Nestas datas é perfecto. É unha época de voltar á familia, de regresar ás raíces, de facer balance. Ser conscientes da realidade máis próxima e da global. É algo moi sano. Gustaríame animar ao público a que veña porque van a asistir a un concerto moi especial.

O seu novo disco tamén terán algo que ver en todo isto...

‘Alborada do Brasil’ é o disco que mellores críticas recibiu ata o momento. Basicamente contibúe a abrir os ollos á xente sobre que Brasil e Galicia teñen un vínculo moi forte. É unha conexión moi pouco coñecida por ámbalas dúas partes. Cantidade de músicas e palabras máxicas de Brasil foron de Galicia.

Os beneficios irán destinados a nenos de África, aínda que na súa viaxe a Brasil tamén vería moita pobreza...

Máis que pobreza, grandísimos contrastes. O segredo está na distribución da riqueza. O que Brasil nos comunica agora mesmo é unha forte ilusión polo futuro. É curioso, cando estás alí todo é futuro espléndido. Como todo se transforma, se os brasileiros son un pouco galegos, nós tamén somos un pouco do Brasil. Garda o noso pasado e quen sabe se tamén o noso futuro. É como unha especie de Galicia moi universal.

Que proxectos ten agora en mente?

Agora en decembro faremos o concerto de mañá en Pontevedra e ó día seguinte outro na Coruña. Despois marcharemos a unha xira de trinta concertos a Alemania, onde ‘Alborada do Brasil’ foi nominado a Disco do Ano.

Onde celebrará o Nadal?

Aquí en Galicia, por suposto.

Xa ten tódolos regalos mercados?

Non, que va... Eu son dos que deixa as cousas para o último momento. Ás veces para a noite anterior.

Cal é o mellor regalo para facerlle a Carlos Núñez?

Unha tableta de turrón brando.

E música tamén, imaxino...

Claro. Adoro cando me sorprenden con música que resulta ser un descubrimento. Non hai nada máis bonito que cando te namoras dunha canción, dunha melodía. Cando a queres escoitar en todo momento e que non acontece sempre. Despois pasa a formar parte das lembranzas da túa vida.

Comentarios