Na procura dunha ara de Xúpiter

Na década dos oitenta, Antonio Costa atopou unha ara adicada a Xúpiter, que alguén levou cando el se dispuña a trasladala ao Museo Provincial. O descubridor da peza e Héitor Picallo relatan o acontecido e fan unha chamada á conciencia colectiva
Unha imaxe da ara atopada na parroquia de Vilaboa
photo_camera Unha imaxe da ara atopada na parroquia de Vilaboa

Certo é que poucas son as aras pontevedresas atopadas até o de agora dedicadas a Xúpiter, deidade principal dentro dos cultos romanos. Coñécese aquela atopada en Pontecesures, e da que só se conserva o campo epigráfico (aínda que de xeito fragmentario) e outra máis nas terras de Tui (malia non podermos certificar unha lectura clara da súa inscrición).

Polo ano oitenta e seis ou oitenta e sete, un dos que escribimos este artigo (Antonio Costa) descobre en Vilaboa un altar en pedra de fermosas características, cunha cornixa ben definida (provista dun almofadón no que repousa unha mazá tamén de pedra), un campo epigráfico bastante nidio, o basamento e incluso unha zona esculpida para ser soterrada e axudar a que a peza permanecese ben fincada no chan.

Resulta ser esta a única ara descuberta neste concello do Morrazo que se teña documentado até o de agora; porén, o achado carrexa consigo un gran infortunio. Logo de ser retratada cunha cámara polo seu descubridor, o mesmo busca un xeito de facer o seu traslado -para logo levala ao Museo de Pontevedra-.

SUSTRACCIÓN. Cando retorna co seu vehículo, decátase de que xa fora roubada por alguén cara a un paradoiro hoxe ignoto. Localizárase na freguesía de Santo André de Figueirido,nas proximidades do Coto Loureiro, fortificación da Idade do Ferro de dimensións considerábeis que na actualidade aínda fica sen estudar.

Cumpriría sinalar que por aquel tempo acométense un par de obras significativas na contorna: o aproveitamento dun manancial que se abrira para unha traída de augas veciñal e o trazado dunhas pistas que ruben cara ao castro, onde se identificaron con claridade abundantes restos cerámicos.

Aquel manancial -a carón do lugar no que se atopara a devandita ara- fica na actualidade desfeito por mor das obras da autovía A-57, que deixaron tras de si non só paisaxes esnaquizadas, senón tamén espazos arqueolóxicos e históricos danados. Sirva de exemplo indicar que a uns 500 metros cara a Pontevedra xa se arrasou un pequeno castro denominado As Croas.

Por desgraza, non é un caso fortuíto. Existe unha tónica por parte de algúns de eliminar aquilo que cree conciencia e consciencia.

Mais non nos desviemos do tema central e describamos o monumento epigráfico desaparecido. Este ten -aproximadamente- unha altura de 70 centímetros, reservándose 42 para o campo epigráfico; o ancho achégase aos 37 centímetros e os caracteres aos 5.

Aínda que algo danada por mor da escavadora que a debeu desenterrar, a ara posúe a seguinte inscrición: "IOVI • O(ptimus) / M(aximus) • P(ublius) • FV / SCIN(i)VS / P(ro) • S(alute) • S(ua)". O que viría indicar: "A Xúpiter, o maior e o máis grande, Publio Fuscino, pola súa saúde".

Tanto o praenomen como o nome do doante son propiamente latinos, se ben é certo que algúns autores (W. Schulze, por exemplo) sinalan que Fuscinius é un nome característico da zona do Rhin.

Dentro da Península tense identificado -ben en masculino ou en feminino-en determinadas xeografías: Muíños (Ourense), Águas Frías (Chaves), Alaiza (Álava), Torres de la Alameda (Madrid), Tafalla (Navarra), Honatar (Toledo) ou Sasamón (Burgos), entre outras.

Tamén son de subliñar dúas cuestións con respecto a esta peza, unha epigráfica e outra iconográfica. En atención á primeira delas debemos avisar de que a última ringleira de caracteres, destinada a dar contada condición votivada á ara -P(ro) S(alute) S(ua)-, ten certo parentesco con aquelas aras que se descubriron no santuario galaico do Facho de Donón (O Hío - Cangas).

No aspecto estético, teriamos que falar da mazá esculpida na parte superior desta peza, pois ben pode aludir á fábula do Xuízo de París, no que intervén Zeus (Xúpiter, en Roma), que axuda a dirimir o conflito provocado entre as deusas Hera (Xuno), Atenea (Minerva) e Afrodita (Venus).

Esta historia recóllea o escritor hispano Caio Xulio Hixinio (ca. 64 a.C a 17 d.C.)

MILIARIOS. Alén de todo o comentado, non debemos esquecer que a freguesía de Figueirido xa nos ten ofrecido monumentos viarios importantes. Estámonos a referir a aqueles miliarios atopados no século XVIII que,recollidos polo arcebispo compostelán Sebastián Malvar e Pinto (1778-1795) cando se están a realizar obras no camiño a Ponte Sampaio, pasan a finais do S. XIX á Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra (hogano consérvanse no Museo provincial).

Grazas a isto, moitos investigadores poden profundar no tecido viario na antiga romana, no contido documental deses "indicadores pétreos"; e é por iso que cando desaparece un documento epigráfico non só esfarela das miradas dos curiosos, senón que tamén deixa de ser motivo de estudo, análise e protección. Sería bo que a ara romana desaparecida da contorna do Coto Loureiro fose recuperada e entregada a unha instalación museográfica pública galega para formar parte do noso "tesouro monumental". A conciencia sempre vai da man do humanismo, e os bens culturais -como todos sabemos- son propios da humanidade.

Ubicación O altar de pedra atopábase fincado no chan na parroquia de Vilaboa. É a única peza descuberta na península do Morrazo Desfeita As obras públicas esnaquizaron importantes espazos arqueolóxicos na provincia de Pontevedra

Comentarios