Nace a nova praza da Cruz Vermella en Pontevedra

O proxecto está valorado en algo máis de 1,4 millóns de euros e contempla a reforma do vial dende a Praza da Castaña
Nova praza da Cruz Vermella
photo_camera Nova praza da Cruz Vermella

É un dos proxectos máis ambiciosos do novo ciclo de reformas na cidade promovido pola Concellería de Obras Urbanas, que dirixe o concelleiro nacionalista Demetrio Gómez Junquera. A rúa Cruz Vermella experimentará un importante cambio ó longo deste mandato. Aplicaranse os parámetros de máxima calidade urbana cun obxectivo: lograr que esta parte da cidade sexa máis funcional e se encha de vida.

O Concello ten vía libre para contratar os traballos, despois de que o Pleno extraordinario do xoves liberase os fondos precisos para financiar a actuación. Investiranse algo máis de 1,4 millóns de euros nun proxecto que suporá a creación dunha nova praza pública en Pontevedra no treito final de Cruz Vermella.

Tal e como se fixo na Praza do Hospital, que se abriu á cidadanía recentemente, este novo espazo ocupará unha rúa chega de coches aparcados. Esta zona converterase nunha praza urbana destinada á convivencia e que estará situada na confluencia entre esta rúa, Álvaro Cunqueiro e Padre Gaite.

Os traballos comezarán ó longo do ano que vén, segundo as estimacións iniciais. O proxecto abarcará dende a Praza da Castaña a Padre Gaite. A idea do concelleiro de Obras Urbanas é aumentar os espazos de convivencia e mellorar a seguridade dos veciños e peóns que transitan por esta parte da cidade.


A actuación desenvolverase durante o ano 2018 e suporá a renovación de todos os servizos públicos, como auga e saneamento


Este é un punto un importante tránsito de persoas que se desprazan a pé ata o CEIP Vidal Portela, o Pavillón Universitario e as instalacións de Cruz Roja. Por este motivo, suprimirase un carril de circulación e instalarase unha plataforma única, de modo que o pavimento se nivelará co das beirarrúas.

O paso de vehículos quedará garantido cara a Cruz Roja. E así llo fixo saber Gómez Junquera ós responsables da ONG, que ten a súa sede nesta rúa. Aquí tamén se levanta o centro de día do colectivo, que seguirá tendo tamén acceso dende a rúa. De feito, existe a posiblidade de que as ambulancias de Cruz Roja teñan aparcadoiro propio na contorna para facilitar a mobilidade dos traballadores e usuarios da instalación.

CARACTERÍSTICAS. A primeira parte do proxecto estenderase dende a Praza da Castaña ata a nova praza e incluirá as rúas Álvaro Cunqueiro e Salustiano Portela Pazos. Esta área terá a mesma solución estética que a do primeiro tramo da rúa. Deste modo, crearase un «bucle» dende Pai Amoedo para que toda a mazá de circulación con Santa Clara quede reducida practicamente ó tráfico dos residentes.

As beirarrúas terán un ancho de entre tres e 3,30 metros e manterase unha liña de aparcadoiro na marxe dereita de Cruz Vermella. Tamén se incorporará o estacionamento de servizos para facilitar a mobilidade.

En Padre Gaite renovarase toda a beirarrúa que está pegada ó Pavillón da Universidade de Vigo e ó edificio de Cruz Roja, onde se habilitarán prazas para aparcar que se suprimirán ó outro lado da rúa, concretamente as pegadas ó Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD).

Un dos aspectos máis significativos deste proxecto é a supresión dos plataneiros, unhas árbores de grandes dimensións que ocupan o lateral do Pavillón Universitario. Estes exemplares substituiranse por seis tilleiras, máis acaídas para o lugar. No conxunto da obra quedarán 33 árbores, entre as que destacan os nove magnolios que darán sombra á nova praza. Desta maneira evitaranse os danos estruturais que as raíces dos plataneiros causaban nas beirarrúas e incluso nos tellados dos inmobles próximos.

Precisamente, este deseño vexetal condicionou bastante o deseño do alumeado público, en especial o previsto para o novo espazo peonil, xa que houbo que realizar un traballo previo para que os novos farois permitan unha axeitada iluminación.

A actuación de Cruz Vermella tamén incluirá varias melloras, que irán incorporadas ó proceso de licitación. Entre elas figura o adecentamento do cruce desta rúa con Pai Amoedo e a reforma da Praza da Castaña, onde se prevé a retirada do actual bloque de pedra con céspede na súa parte alta. Así crearase unha praza máis aberta e accesible.

Outro dos cambios do barrio terá que ver coa súa zona verde. En Cruz Vermella plantaranse oito cinamomos, mentres que en Álvaro Cunqueiro se colocarán sete pradeiros reais, iguais ós que hai en Sobrino Buhígas.

O proxecto tamén incluirá a renovación de todos os servizos, isto é, saneamento, abastecemento de agua e electricidade, así como o alumeado público.

Comentarios