Nación de Breogán e...

Ferrol convoca a Banksy para pintar unha parede coa prudencia de chamar por un delincuente. Os Franco tenden as alfombras de Meirás ao paso do ¡Hola!
Graffitti de Banksy
photo_camera Graffitti de Banksy

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

AGORA QUE España está nas súas postimerías polo avispeiro catalán, trato de coñecer a definición de Galicia para o 2 de outubro. Consulto o Twitter de Cascarelo coa fin de coñecer os avances nominativos. O PSOE acollera a proposta murguiana de "nación de Breogán" que formulara Ramón Villares, pero este verán Cascarelo informounos de que había que chamala Galifornia, dado sol de Lafuente Estefanía que esmagou a nosa terra. Sen tempo a que fermentase unha doutrina xurídica sobre esa cualificación, Cascarelo xa a conduciu a unha vía morta para substituíla pola de Galifato.

Temo que me pasará a vida diante dos ollos sen que dea concretado de que falamos cando falamos de Galicia. Síntome confuso como Roberto Varela (Meaño, 1959) en 2009, cando deixouno unha sinacura en Nova York para asumir a azarosa Consellería de Cultura. A súa aterraxe foi tan curiosa como as súas postrimerías. Para o termo postrimerías remítome a sor Cleofé, que me explicou no colexio que eran "o xuízo postmortem que nos premia coa Gloria ou nos condena co Inferno". Ignoro como se di postrimerías en catalán.

O diplomático de Meaño debeu de acordar do apolíneo xeneral Alcibíades ao ser rexeitado polo vello e sabio Sócrates. O filósofo grego explicoulle ao militar que non estaba disposto a cambiar "ouro por cobre". Roberto Varela era o terceiro na lista de conselleirables. Ramón Villares rexeitou cargo por un asunto de fondo e Darío Villanueva, por un asunto de formas.

Por ouro ou por cobre, Varela cruzou a porta de San Caetano coa ilusión recén abrillantada. Pouco despois falamos en Láncara, baixo o sol das Letras Galegas nas que se escribiu o nome de Ramón Piñeiro nas estelas funerarias. O pontevedrés pareceume un home benintencionado que abría os ollos como as bonecas de Famosa. Destacoume que estaba agradecido de que o país o recuperase e de que tiña "boa disposiçao" —citoume a Almeida Garret— a renunciar aos paseos por Manhattan e a un periplo internacional que comezara na infancia, cunha viaxe no camión do seu pai a Lugo.

Como conselleiro aplicou a tríade da lóxica hegeliana, tratou de facer a tese, a antítese e a síntese á cultura do país, coa fin de facer o maior ben. Cando marchou en 2012, aínda estaba en plena dixestión dialéctica.

A diferenza de Varela, dona Carme Polo de Franco non consentía que lle desen cobre por ouro porque era máis epicúrea que socrática. Sócrates visitaba cada mañá o mercado de Atenas para pasearse entre os postos de aceite do Peloponeso, especias do Líbano e sandalias de Kolokani para convencerse de que era rico porque non necesitaba nada do que lle ofrecían. O pensador era un exhibicionista. Tras esa afección a amosarse pode estar o seu rexeitamento a Alcibíades.

O carácter de dona Carmen forxouse na biblioteca de El Pardo coa lectura de Aristófanes como entremés do rosario nocturno. O seu pasatempo favorito nas festas de gardar era pasearse entre propiedades alleas suxerindo ao pobo que lle regalase todo canto obxecto que lle gustaba. Ben pensado, o seu home non era un aprendiz: conseguiu facerse co pazo da Pardo Bazán en Meirás despois de que lle organizasen un crowdfunding.

Sobre Nova York explica Roberto Varela que parece que "es veciño de alí dende o primeiro día", pero tamén que é o lugar no que máis se sente o áspero alento da soedade. Da cidade desgústaslle que "es valorado polo que tes". Non como en Galicia, onde un currículo intelectual vale polas amizades que poida contar entre as murallas de Compostela. Esa singularidade do noso país —ou de Galifornia, se se quere— non foi asumida polo diplomático de Meaño. Sendo conselleiro deixouse fotografar no seu despacho mentres xantaba. Diante del víase nunha bandexa unha Coca Cola cosmopolita con gornición de cenorias cativas. Unha ofensa para os galegos.

Cando pechou a porta da consellería en 2012 deixou dentro a ilusión e cargou con caixas de perplexidade. Varela quedou lonxe de identificar a alma do país, que ten o filial e o gastronómico como coordenadas de poder, que planifica orzamentos tomando viños no Franco e xarrete no Carretas.

O exconselleiro conta na entrevista que o seu interese maior na vida foi entender a Hegel, que para iso marchou a Alemaña para aprender a lingua. Pensaba el que a Hegel hai que lelo na súa circunstancia. E confesa que non o entendeu, e confeso eu que teño unha lista de hegelianos frustrados para non sentirme so.

Arestora digamos a coro "mea culpa" mentres nos flaxelamos para aceptar que España continúa igual que cando Varela a deixou por vez primeira nos anos 70. O sistema legal permite que os herdeiros de dona Carmen Polo gocen aínda do pazo que lle regalou ese avó que lles mandaba postais estivais dende Galicia. Redactábaas coa mesma letra humilde e coqueta coa que asinaba as penas de morte.

Contraditoriamente, hai un barrio de Ferrol, Canido, buscando sitio no concerto das nacións cun convite a Bansky para que lles regale un grafitti clandestino. A nosa peculiar normalidade é que os Franco publiquen o álbum do veraneo en Meirás no ¡Hola!, o BOE impreso en papel cuché, como fixeron hai tres anos. Eles si que coñecen a terra do seu avó.

Comentarios