O negocio minorista aposta polo comercio 3.0 para saír da crise

Dez empresas da provincia inician mañán unha nova iniciativa de SmartPeme utilizando as novas tecnoloxías e a presenza en Internet
Fachada de Comercial Limeres, un dos maiores exemplos de reorientación aos nosos tempos. DP
photo_camera Fachada de Comercial Limeres, un dos maiores exemplos de reorientación aos nosos tempos. DP

Renovarse ou morrer. Baixo esa máxima, moitos negocios están reorientando a súa actividade para adaptarse ós novos tempos, especialmente trala crise provocada pola covid-19. A Deputación, a través do seu programa SmartPeme, está a botar unha man ás iniciativas máis destacadas para que sirvan como exemplo e modelo a seguir a outros empresarios.

A institución que preside Carmela Silva vén de seleccionar 10 proxectos dos máis de 20 que se presentaron a esta aceleradora do tecido empresarial e que destacan por responder a ideas de negocio novidosas e polo intento de explorar novos nichos e oportunidades.

Trátase de empresas minoristas que buscan adaptarse rapidamente á "nova normalidade", utilizando ao máximo os recursos e posibilidades do e-commerce. O perfil das persoas emprendedoras seleccionadas é maioritariamente feminino, pois entre os empresarios hai seis mulleres e catro homes. Entre elas hai dende negocios que comezan, a outros que se reorientan aproveitando as súas potencialidades e singularidades e se reparten por distintas localidades da provincia.

Agora teñen por diante un intenso traballo de titorías e obradoiros nos que se lles guiará no uso de tendas online, pasarelas de pago e venda de produtos con recursos tecnolóxicos. Ata o próximo 30 de setembro recibirán "mentorización", sesións de titoría con expertos en tecnoloxía, competitividade empresarial e imaxe dixital, ademais de capacitación con obradoiros específicos.

Karina Kova

É unha clínica médico estética creada en 2016 en Pontevedra e que agora busca reorientarse abandonando o apartado médico e centrándose no estético, con especialización en tratamentos faciais e corporais. A aceleradora prestaralle axuda para mellora-lo seu posicionamento local e na creaciónd unha tenda online.

Comercial Limeres

Exemplo claro dun negocio tradicional que se reorienta. Dedícase á venda de lámpadas decorativas en Pontevedra dende 1976. Dispón de clientela fidelizada e non é raro que reciba a xente que busca modelos concretos que viron en redes sociais. Dende SmartPeme consideran que este sector está pouco explotado no comercio online, polo que hai oportunidades de e-commerce.

Tolf

Tenda de roupa feminina de Pontevedra con marcas exclusivas e deseños especiais nacida en outubro. Agora trabállase coa súa responsable na creación dunha web, unha tenda online e apoio para a xestión das redes sociais.

Tipi Fiestas Galicia

É unha nova empresa de eventos, radicada en Nigrán, que vai facer dos tipis indios e da decoración temática o seu sinal de identidade. Con esta óptica pretende organizar vodas, bautizos e outras cerimonias.

Foodies and travellers

Tenta apoiarse, dende a súa sede en Mos, no turismo gastronómico para promocionar a empresas de alimentación e de bebidas españolas, tanto no mercado nacional como no estranxeiro. A súa estratexia pasa tamén por agrupar tenda e motor de reserva nun só sitio web.

Blaurtopías

É un proxecto vigués de venda online de obxectos de artesanía como ilustracións, cerámica e serigrafía. O seguinte paso será dar unha maior visibilidade a todo o proceso de creación.

Broderie

É un proxecto artesanal nacido en Ponteareas e centrado no deseño e creación de produtos destinados aos máis cativos e feitos a man: fadas, bonecas, guirnaldas, camisetas...

Infusiónate

Negocio lalinense que apostou pola venda de tes e infusións a granel. A aceleradora de SmartPeme está axudándolle a crear unha web, a posicionarse en Google, xestionar márketing dixital e lanzar unha nova liña de produto.

SS3 Professional

Dedícase dende Mos á comercialización de deterxentes biodegradables e ecolóxicos. Coa crise da Covid19 creou novas liñas de produtos como desinfectantes, xeles hidroalcólicos e máscaras.

Tamerlán

Radicada en Vigo, adícase á limpeza e restauración de alfombras a través de procesos tecnolóxicos innovadores. Traballa, fundamentalmente, para tintorerías, pero buscan chegar tamén ao cliente final. Con SmartPeme avanzarán no marketing dixital.

Comentarios