O neno que fixo viaxar a Cangas

O director cangués Khris Cembe leva 'Soy una tumba', inspirado na vila que o veu medrar, polos mellores festivais de curtametraxes do mundo

Nun dos momentos, o protagonista observa o barco no que viaxa o pai con Rande ao lonxe. SOY UNA TUMBA
photo_camera Nun dos momentos, o protagonista observa o barco no que viaxa o pai con Rande ao lonxe. SOY UNA TUMBA

Cangas estivo presente entre os nominados á mellor curta nos pasados Premios Goya pero hai quen non se decatou. Tamén foi protagonista nun dos mellores festivais de curtas do mundo, o francés Clermont-Ferrand, como o será do Festival Quirino da Animación Iberoamericana ou dos Mestre Mateo. O Morrazo é terra de músicos, cantantes, pintores e artistas. A comarca encanta a autóctonos e forasteiros cunha maxia que enfeitiza pero non sempre devolve o agarimo.

Khris Cembe tivo o privilexio de nacer con sangue canguesa e sinte a vila como o seu fogar. O director independente de animación posúe o ton humilde na voz de quen sabe que está facendo as cousas ben. O de quen conseguiu vivir da súa paixón. Da súa man e da súa curta Soy una tumba, Cangas do Morrazo viaxa polo mundo e sorprende a todo aquel que percibe a maxia desta creación de animación.

A peza está participando mentres len estas liñas na competición internacional do festival máis importante de curtas do mundo. Trátase do francés Clermont-Ferrand, que, por segunda vez nos seus sesenta anos de historia, nomeou a un proxecto dirixido por un español. Cembe goza en terras galas dun recoñecemento superior ao que dá algunha estatuíña.

Malia que naceu en Madrid, o creador sente que o lugar onde viviu a súa infancia e adolescencia é o seu lar. Khris Cembe séntese galego e representado pola cultura dunha terra que lle serviu como inspiración para crear a peza que actualmente lle amosa ao mundo.

Espectadores de todo o mundo verán a curta ambientada na zona do Cadaval na que el xogaba de neno, entre as fábricas conserveiras que semellan abandonadas. Elixiuna porque quería reflectir a terra onde abandonou a infancia, onde comezou a súa madurez psicolóxica. Na curta ensina a nenez, a morte e a soidade que, segundo confesa, é algo que leva dentro. Fíxoo dun modo moi sensitivo. Tanto, que o protagonista non fala nos doce minutos que dura a produción. Ese silencio do neno é o que conta a historia.

O traballo de Cembe mestura a anguria dun rapaz que perdeu a súa nai no mar coa falta de comunicación co pai, que se agrava cando descubre cal é o seu verdadeiro traballo, o contrabando.

Malia que a curta ten o seu título en castelán, os diálogos son íntegros en galego. Pero no que o director escoitou na súa nenez canguesa, con seseo e gheada. Os actores Miguel de Lira e Federico Pérez fúndense nos personaxes principais, ós que o protagonista observa nos seus peores momentos.

Esta obra estará dispoñible en Movistar+ ata o vindeiro ano.

Comentarios