Nenos e nenas trebellan nas festas da Peregrina

Os espectáculos infantís e os pasarrúas triunfan no primeiro domingo das festas
Espectáculo infantil do Mago Noel na Alameda. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Espectáculo infantil do Mago Noel na Alameda. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

As múltiples propostas culturais triunfaron este domingo motivadas pola baixada de temperaturas e a presenza de nubes na cidade. 

A xornada comezou de mañá co programa Ruando. A asociación Duos Pontes foi a encargada dos pasarrúas no barrio de Monte Porreiro mentres que os do centro histórico correron da man dos gaiteiros Os de Algures. 

Como xa é habitual, pola tarde Ruando continuou levando a música tradicional a diferentes puntos. Os de Algures trasladáronse ao barrio de San Antoniño e no centro histórico deixáronse ver e escoitar Pousos de Area. Paralelamente, tamén houbo pasacalles no barrio do Gorgullón. 

Consulta aquí todas as fotos da primeira xornada de Ven Trebellar nas Peregrinas

De novo, o público infantil contou cun amplo espazo na axenda cultural da tarde co ciclo Ven Trebellar nas Peregrinas. O espectáculo comezou na Alameda coa actuación do Mago Noel. O seu ilusionismo, trucos e malabares fixeron as delicias dos máis pequenos e pequenas. Ademais, o seu toque persoal de humor e acrobacias logrou converter a cita nunha experiencia totalmente máxica. 

Tampouco faltou na tarde do domingo o teatro. Ven Trebellar nas Peregrinas levou ao parque Amalia Alvárez a obra O recuncho dos contos da compañía Pinga Teatro. O público infantil puido gozar dun contacontos que con xogos e cancións foi quen de espertar nos nenos e nenas o gusto pola literatura e os contos. Todos os eventos contaron con control do aforo. 

Programación do luns 10
Ven Trebellar nas Peregrinas:
19:30h. 
Barafunda Animación na Alameda
20:00h. Ce Orquestra. Parque Amalia Álvarez

Xeira das Artes:
20:00h. 
Monoulious Dop + Mente de amuleto. Praza da Curtidoira
21:30h. Isa Risco + O'Ras. Xardíns María Victoria Moreno

Concertos:
22:00h. 
Laroá. Ferrería
22:30h. Óscar Ibáñez & Tribo. Praza de España
22:30h. Eladio y los seres queridos. Pistas de Campolongo

Comentarios