"Os nenos teñen sorte de vivir nunha cidade como Pontevedra"

O pedagogo italiano Francesco Tonucci acompañou a Fernández Lores e a Fouces nun encontro cos veciños máis novos para coñecer de primeira man como están a vivir esta situación

Encontro de Lores, Fouces e Tonucci con varios nenos do concello. DP
photo_camera Encontro de Lores, Fouces e Tonucci con varios nenos do concello. DP

O Concello de Pontevedra quixo que os nenos e as nenas tivesen un espazo propio nas roldas que está mantendo con diferentes sectores sociais e profesionais para analizar as necesidades derivadas da crise sanitaria. Así o explicaba este martes a concelleria Carme Fouces na benvida ao encontro mantido cunha reducida representación de nenos tanto da cidade como do rural.

María, Lucía, Candela e Nico foron as encargadas de trasladarlle as súas experiencias tanto ao alcalde e á concelleira como ao pedagogo italiano Francesco Tonucci, que participou no encontro de xeito telemático.

Miguel Anxo Fernández Lores fixo unha breve introdución explicando como neste momento Pontevedra se revela como "exemplo e referente urbano para cidades que precisan adaptar os seus espazos públicos á situación post-Covid, que esixe máis espazo público dispoñible para que as persoas poidan manter a distancia social e moverse con seguridade". Para que os nenos e nenas o entendesen mellor proporcionoulles imaxes das rúas de Pontevedra antes da transformación urbana, que serviron de guía para explicar como a cidade é, en palabras do alcalde "un lugar onde se pode disfrutar das rúas e das prazas con seguridade".

Unha idea que reforzou o pedagogo italiano e impulsor da Rede de Cidades dos Nenos e das Nenas asegurando que "tedes sorte de vivir nunha cidade como Pontevedra, que xa ten dado pasos moi importantes que outras cidades aínda non deron, e que é un exemplo cara o que están mirando desde todas as partes do mundo".

Tonucci tamén aproveitou para animar aos rapaces e rapazas a "ser embaixadores de Pontevedra, porque vós sodes os que coñecedes de primeira man como ten que ser unha cidade pensada para vós".

A experiencia do confinamento Tanto María e Lucía, veciñas parroquia de Lérez, como Nico e Candela, reisdentes na cidade, coincidiron na descrición das súas experiencias do confinamento, que centraron en tres puntos: a preocupación inicial e o medo a que se contaxiaran nais, pais ou avós e avoas; a carga de tarefas escolares que cualificaron "igual de aburridas que cando iamos ao cole"; e o uso de vídeo chamadas para manter o contacto con amigos e amigas.

Neste último punto, Nico relatou a celebración telemática da festa de aniversario dun compañeiro, frustrada "porque falabamos todos á vez e non nos enterabamos de nada".

A estas experiencias, tamén sumaron as de todo o tempo que o confinamento lles permitiu pasar cos pais e nais e as tarefas compartidas, algo que consideraron extraordinario, e a ledicia da volta á rúa na última semana.

PETICIÓNS DOS NENOS. De cara ao futuro e aínda que apuntaron que Pontevedra é unha cidade "que está moi ben", animáronse cun par de peticións: máis festas e máis eventos na rúa e unha zona cuberta de xogos para o inverno.

Por último, Tonucci trasladou a proposta de que se destine unha xornada específica na que a cidade sexa só para os nenos e as nenas, sen adultos, para que demostren "como son capaces de inventar xogos novos con normas novas, como manter a distancia e levar mascarilla". Unha proposta que Fernández Lores se comprometeu a valorar.

Comentarios