"Nestes tempos tan necesitados de esperanzae de boa literatura está Fina"

Fina Casalderrey presenta 'A furgoneta branca' no Museo de Pontevedra acompañada de Fran Alonso, Lucía Cobo e Fátima Ruibal

Fran Alonso, Óscar Ibáñez, Lucía Cobo, Fina Casalderrey e Tamara Andrés (de esquerda a dereita), no Museo. GONZALO GARCÍA
photo_camera Fran Alonso, Óscar Ibáñez, Lucía Cobo, Fina Casalderrey e Tamara Andrés (de esquerda a dereita), no Museo. GONZALO GARCÍA

"Hoxe comeza a primavera. Non é un mal día para a presentación de A furgoneta branca". O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acolleu este mércores a presentación do último libro de Fina Casalderrey, A furgoneta branca (Xerais, 2019), un álbum ilustrado por Lucía Cobo co que a autora de Xeve volve á literatura infantil e xuvenil. "Nestes tempos tan necesitados de esperanza e de boa literatura, con Fina as dúas cousas están aseguradas", dixo o editor, Fran Alonso.

A escritora pontevedresa fixo, como acostuma, unha defensa da escrita para nenos como xénero literario de primeiro nivel. "Como lle dicía José María Sánchez-Silva a Miguel Delibes: Escribir para niños no es escribir para tontos". Segundo dixo, a única diferenza entre os libros para a cativada e o resto é que os primeiros os poden ler directamente os nenos e nenas sen intermediarios.

Fina Casalderrey reivindicou igualmente a importancia da lectura guiada entre a rapazada ("é como a comida, hai que mirar de que lle alimente; non se lle pode dar seguido chocolate") e agradeceu de xeito particular o papel dos lectores. "O máis importante de todo isto sodes vós. Chámanme escritora porque vós me ledes".

O editor Fran Alonso eloxiou a traxectoria da escritora en xeral (Premio Merlín en 1991 por Dúas bágoas por Máquina e Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil en 1996 por O misterio dos fillos de Lúa) e este conto en particular. "Esta foi unha aposta singular por un texto excepcional dunha autora que ten un posto de honra na literatura infantil e xuvenil galega".

ANDRÉS E IBÁÑEZ. Ademais de Casalderrey, Cobo e Alonso, no acto do mércores tamén participaron unha exalumna de Fina Casalderrey, hoxe mestra de galego, Fátima Ruibal; a poeta Tamara Andrés e o gaiteiro Óscar Ibáñez.

Entre outras cousas, o acto incluíu a proxección das ilustracións orixinais de Lucía Cobo para o álbum, que explicou como foi o seu proceso de traballo e algúns detalles dos debuxos. "A sintonía entre as dúas autoras deu como resultado unha auténtica xoia do álbum ilustrado", comentou Fran Alonso.

O editor resaltou "a tenrura e sensibilidade" coa que Fina Casalderrey trazou "unha historia profundamente emotiva, que nos enche, que inunda os sentidos", ao tempo que Lucía Cobo "conseguiu trasladar a calidez do texto ao campo visual".

Comentarios