Imprimir

No nome de Elena de Toutón

Diario de Pontevedra | 11 de septiembre de 2019

María Vidal e Pipo Alvariño, nos soportais da Praza Estrela. GONZALO GARCÍA
María Vidal e Pipo Alvariño, nos soportais da Praza Estrela. GONZALO GARCÍA
Pipo Alvariño reivindica e homenaxea á súa avoa, Elena Alonso, propietaria histórica do café Carabela, nun proxecto musical no que participan María Vidal Myriam González ► O grupo actuará por primeira vez en Pontevedra o 14 de setembro dentro de Cantos na Maré

"Miña avoa cantaba continuamente. Calquera cliente do Carabela sabe ben que, cando os baños estaban abaixo, dende eles se escoitaba cantar á miña avoa na cociña mentres facía os calamares. Cando se asomaba á ventá, cantaba. Facendo calquera cousa, cantaba. Estaba todo o día cantando". Pipo Alvariño medrou escoitando cantar a Elena Alonso Pino, Elena de Toutón, a Elena que reivindica e homenaxea no proxecto As cantigas de Elena, no que participan a pontevedresa María Vidal (voz) e a asturiana Myriam González (acordeón). Na recollida das pezas que forman parte do seu repertorio tamén participou Pichi Abollado e da gravación encargouse Caco Refojo (irmán de Pipo e gañador de tres Grammy Latinos polo traballo que desenvolve nos estudios PKO de Madrid).

MARÍA VIDAL

"Tiña un xeito de cantar que xa non existe. Un rexistro, unha forma de facer os adornos... Iso hoxe perdeuse"

"As cantigas da miña avoa sempre estiveron aí, pero o aprezo por elas foi algo que veu despois, cando comecei a ser consciente do seu valo", recoñece Alvariño, mestre de Secundaria e músico curtido no folk galego (intérprete, arranxista, productor e compositor) que, entre outras cousas, forma parte do Pepe Vaamonde Grupo. Un caso semellante é o de María Vidal, voz referencial na interpretación da música tradicional galega e directora do grupo de pandeireta Seisebre de Moraña, do de pandereteiras dos Trazantes de Tenorio e do grupo de pandereteiras Trébede, entre outras cousas.

En marzo do ano pasado, o proxecto arredor de Elena materializábase nun disco co que o grupo non deixou de xirar por toda Galicia. Pero sen pisar Pontevedra. Farao finalmente o sábado 14 de setembro (13.30 horas, Praza da Pedreira, entrada libre) dentro da programación do festival Cantos na Maré. "Non podiamos ter mellor debut na nosa cidade".

MONDARIZ. "Elena Alonso Pino era a miña avoa. Nacida en Toutón (Mondariz) en 1928, vivía soa con súa nai. O pai morrera cando volveu do Brasil enfermo de tuberculose. O seu home, Manuel Alvariño, tamén de Toutón, estivera emigrado en Córdoba e traballaba de botóns nun hotel en Vigo cando se coñeceron e casaron. No ano 52, ao meu avó ofrecéronlle o aluguer do bar Carabela, que abrira no ano 46", conta Pipo Alvariño. "Aí comeza a vinculación de Elena con Pontevedra". Nese punto comézase a fraguar a lenda dun dos locais máis emblemáticos da cidade, asentada na poderosa personalidade da matriarca e nalgunha das súas receitas. Os seus calamares acabaron por ser míticos.

PICHI ABOLLADO

"Pontevedra débelle unha homenaxe a Elena. Como muller, como traballadora e como figura clave da música tradicional"

"Cando comezamos a facer recollida e traballo de campo a finais dos anos 80 foi cando nos decatamos do valor das cantigas de Elena", explica María Vidal. "Ir a Toutón supuxo a redescuberta desta súa faceta". "Tiña unha memoria brutal, para as letras, para as melodías... E un xeito de cantar moi particular. Cantaba moi ben", apunta Alvariño. "Efectivamente, tiña un xeito de cantar que hoxe xa non existe. Está totalmente perdido. Tiña un rexistro, un xeito de facer os adornos...".

Nun Nadal, un ano despois do falecemento de Elena Alonso (2015), o grupo de amigos decide renderlle tributo á matriarca recollendo seis dos seus temas nun disco. "Por que non facelo? E facelo como o faciamos con ela: unha voz, un acordeón e unha guitarra". Para que non se perdera o legado. "Pontevedra débelle unha homenaxe a Elena", remata Pichi Abollado. "Como muller, como traballadora e como figura clave da música tradicional".

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/cultura/no-nome-de-elena-de-touton/201909111703471051566.html


© 2020 Diario de Pontevedra

Lepanto 5, Pontevedra

Tlfno: 986 011 100

(Grupo El Progreso)