"Non se che ocorra ser escritora"

A Deputación de Pontevedra adianta a celebración do Día de Rosalía cunha lectura institucional que tivo lugar no Pazo Provincial e na que participaron representantes de nove asociacións

Participantes na lectura institucional. CHRISTIAN FERNÁNDEZ
photo_camera Participantes na lectura institucional. CHRISTIAN FERNÁNDEZ

A lectura da obra de Rosalía de Castro dende a perspectiva feminista centrou en boa medida o acto institucional que a Deputación de Pontevedra celebrou este venres no Pazo Provincial co gallo do Día de Rosalía. A actriz María Armesto, en calidade de directora artística da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, "a única mostra de teatro paritaria do noso territorio, cómpre lembralo", elixiu por exemplo unha tradución ao galego dun fragmento do artigo 'Las literatas' (orixinalmente en castelán), no que a autora reflexiona sobre o feito de ser muller e adicarse ás letras. "Non se che ocorra ser escritora", leu na súa tradución, ao tempo que lembraba que ese texto fora escrito 63 anos antes de que Virginia Woolf publicase Un cuarto de seu, obra clave da británica coa que garda puntos en común.

Xunto a Armesto, no acto da Deputación participaron outros oito representantes de distintas asociacións culturais da provincia (Keka Losada, Joaquín Cadilla, Natalia da Silva, Isabel Gulías, Cristina Acuña, Juan Maceira, Luis Villanueva e Sabela González); a presidenta da institución provincial, Carmela Silva; o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, e a poeta Lucía Novas, que leu o manifesto do Día de Rosalía deste ano escrito por Ana Romaní para a Asociación Galega de Escritores en Lingua Galega (AELG). O seu título, Libre o meu pensamento.

'CANTARE, GALEGAS!'. O acto deste venres da Deputación serviu para comezar a celebrar en Pontevedra, por adiantado, o Día de Rosalía, que se festexa realmente este domingo, 24 de febreiro, data de nacemento de Rosalía de Castro. O Concello ten previsto conmemorar o aniversario da autora cun acto no Sexto Edificio do Museo (12.00 horas, entrada libre) no que participarán Ugia Pedreira e A Banda da Loba. A actividade celebrarase baixo o lema 'Cantare, galegas!' e incluirá unha performance reivindicativa e unha actuación musical.

Ademais da lectura institucional, no acto deste venres, e facendo caso á recomendación da AELG de festexar o Día de Rosalía agasallando un libro e unha flor, a Deputación regalou aos asistentes precisamente iso: libros e flores. Por un lado, o público recibiu un título de poesía da colección Cíes, do Servizo Editorial, e por outro, unha camelia da variedade Rosalía de Castro que se cultiva na Estación Fitopatolóxica do Areeiro.

Comentarios