"Non teño a ninguén", di a muller con tres fillos menores que será desafiuzada o martes

O xuíz podería paralizar a orde tras recibir un informe social da Xunta este luns ► A súa exparella ten imposta unha orde de afastamento por un delito de violencia de xénero

A Favec volveu a concentrarse este luns na porta do Concello de Vigo para solicitar que se paralice este desafiuzamento. FAVEC
photo_camera A Favec volveu a concentrarse este luns na porta do Concello de Vigo para solicitar que se paralice este desafiuzamento. FAVEC

Aicha E.F. ten unha orde de desafiuzamento para este martes, día 18, ás 13.00 horas, que nestes momentos segue en vigor á espera de que o xuíz poida paralizala despois de recibir un informe social da Xunta este luns, segundo informou a Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao (Favec) de Vigo. 

Esta muller, cunha orde de afastamento da súa exparella por un delito de violencia de xénero, ten tres fillos menores de once, dez e sete anos de idade. Un dos nenos ten unha discapacidade recoñecida e pasou a noite do domingo en urxencias por unha varicela con febre alta, segundo comentou a afectada este luns aos medios. 

"Non teño a ninguén", aseverou Aicha E.F., "estou soa cos tres nenos". A Xunta aumentoulle a cantidade que percibe en concepto de Risga a 650 euros ao mes desde decembro, cobra 200 euros do Bono Alugueiro e explicou que o concello lle deu unha "axuda extra" de 600 euros coa que pagou dous meses de aluguer. Ademais, explicou que os nenos comen no comedor por unha axuda do consistorio vigués. 

A Favec volveu a concentrarse este luns na porta do Concello de Vigo para solicitar que se paralice este desafiuzamento e se lle dean solucións de vivenda a Aicha E.F., de orixe marroquí, que reside en Vigo desde o ano 2006 e leva un ano sen abonar o aluguer do piso no que vive cos seus fillos. 

"Esta situación é horrorosa", sostivo a presidenta da Favec, María Pérez, quen avanzou que acompañará á afectada este martes para tratar de evitar o seu desafiuzamento.

PETICIÓN AO CONCELLO. Pérez reclamoulle ao Concello de Vigo que non deixe a esta familia na rúa. "Que fagan o seu traballo", aseverou en relación á discusión establecida sobre un informe dos servizos sociais de Vigo que desde a Favec aseguran que o consistorio tería que enviar ao xulgado e que desde o Concello aclaran que é o propio xulgado o que ten que solicitarllo. 

A presidenta da Favec pediu ao Concello que lle dea a esta muller un dos pisos "que están baleiros". Por outra banda, María Pérez asegurou que a afectada está disposta a irse a un piso noutra localidade se a Xunta llo consegue grazas ao 'Plan de vivendas baleiras'. 

Neste sentido, a concelleira de Servizos Sociais de Vigo, Isaura Abelairas asegurou que "o protocolo é o que é". "E seguímolo para todos", manifestou en relación ao informe que lles reclaman e sobre o que insistiu que lle ten que pedir o xulgado aos servizos sociais municipais. "Agora mesmo acábanos de chegar do xulgado un informe para outra persona, isto xa está a saír, non ten demora", sostivo. 

A avogada de Aicha E.F. confirmou a Europa Press que solicitou dúas veces no xulgado que se pedise aos servizos sociais municipais un informe para que constase a súa situación de vulnerabilidade e que no xulgado remitíronlle a que o solicitase ela mesma na oficina municipal, onde lle contestaron que o procedemento é ao revés e que non actúan sen a petición xudicial.

PETICIÓN Á XUNTA. "O que está a facer a Favec é entorpecer", criticou Abelairas, para engadir que a presidenta do colectivo veciñal cometeu "unha torpeza de tal calibre" que lle parece "ata delito". 

"¿Como se atreve a dicir que lle deamos un piso nas Roteas? Non se pode dicir onde nin como van vivir estas persoas que están nunha situación desfavorecida. Todos somos moi solidarios, pero non os queremos á beira da nosa casa", desenvolveu a titular de Servizos Sociais de Vigo. 

Abelairas aseverou que xa lles "levantaron" uns cantos pisos "por culpa destas informacións" e que agora non lle poden dar un destes pisos que supostamente están baleiros. "A Xunta de Galicia que buscar pisos, que as competencias tenas todas. Que os busque, que constrúa, que faga política de vivenda", expuxo. 
 

Comentarios