EMERXENCIA CLIMÁTICA

"O que nós poidamos facer para frear o cambio climático non é suficiente"

Alumnado do IES A Xunqueira I amósase pesimista respecto ao devir do planeta trala charla do oceanógrafo Antón Álvarez ▶ O estudantado esixe a implicación de empresas e gobernos
O experto do CSIC en Oceanografía Química Antón Álvarez, durante a súa conferencia no instituto pontevedrés. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O experto do CSIC en Oceanografía Química Antón Álvarez, durante a súa conferencia no instituto pontevedrés. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Pesimista. Así se sente parte do alumnado pontevedrés ante as consecuencias, que xa están aquí, do cambio climático a nivel global. Admitírono este mércores un grupo de rapaces de 4º da ESO do IES A Xunqueira I, o primeiro dos institutos da cidade que acolleu o ciclo de charlas do investigador do CSIC Xosé Antón Álvarez. Trátase dunha iniciativa do Concello, enmarcada na campaña Efecto PO2, para concienciar á poboación sobre a importancia de actuar para frear o cambio climático poñendo sobre a mesa exemplos moito máis próximos como poden ser a praia de Aguete, que perdeu 18 metros de areal desde mediados do século XX, ou as illas Cíes, onde as ondas poderán subir ata dez metros dentro de dúas décadas durante os meses de outono.

"Tiñamos algo de conciencia" sobre os efectos do cambio climático, "pero non estabamos ao tanto de que fora tan grave e nos afectara tanto", confesa Iago, ao remate da conferencia. O que máis lle sorprendeu das explicacións de Álvarez Salgado "foi o do aumento do nivel do mar, que afecta tamén ás praias, como Aguete. É bastante chocante". Ao seu compañeiro Miguel, por outra banda, chamoulle á atención "a cantidade de especies tropicais aparecidas hai dez anos polo aumento da temperatura da auga do mar, que hai bastantes que non coñecía e que están nos nosos mares polo aumento da temperatura".

Antón Álvarez faloulles das repercusións da subida do nivel do mar (un centímetro en 70 anos equivale a un metro de superficie nas praias) tanto para o turismo como para as explotacións marisqueiras, do dano nos humidais ou no prexuízo para a cría do mexillón debido ao aumetno da temperatura e da acidez da auga, xa que "cada vez o afloramento é máis intenso".

¿E que fai a mocidade para tratar de revertir esta situación? "Mobilizámonos, reciclamos, queixámonos das grandes empresas". Lamentan que "os altos cargos e as empresas non fan demasiado, ou nada, por remedialo" e que "aínda que nos reciclemos e todo iso, é imposible parar o cambio climático se non paran de producir tanto plástico nin de emitir gases contaminantes en países sen regulación medioambiental, coma China. Nós tampouco podemos facer nada por moito que nos concienciemos. Por iso o primeiro é que os gobernos tomen parte neses temas". Así, séntense "pesimistas, lamentablemente" e dubidan de que "o que poidamos facer sexa suficiente".

Comentarios