Unha nova serie de TVE amosa a riqueza ornitolóxica da provincia

Este domingo estréase o documental en catro capítulos 'España, la tierra prometida', no que as Rías Baixas ocupan un destacado lugar

A nova produción de TVE España, la tierra prometida, estréase este domingo pola tarde e constará de catro episodios nos que se amosarán a variedade de ecosistemas e o potencial ecoturístico do territorio estatal. A provincia de Pontevedra destaca nesta serie documental como un dos destinos de maior proxección polas súas condicións naturais, que a converten nun paraíso para numerosas especies de aves.

O documental, patrocinado pola Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas, reflicte o comportamento das rías como enclaves dinámicos ao recibiren a visita de aves migratorias e de anátidas e limícolas invernantes.

A serie mostra o complexo intermareal Umia-O Grove, cuxas poboacións de aves acuáticas invernantes e migradoras teñen atraído a atención dos afeccionados ao avistamento de paxaros. A súa paisaxe cambiante achega múltiples oportunidades ás aves acuáticas e supón un atractivo escaparate para os amantes da ornitoloxía.

Ademais, os cantís mariños e as illas constitúen enclaves ideais para diversas aves, o que converte o Parque Nacional das Illas Atlánticas nun dos seus grandes referentes. As illas de Ons, Cíes, Sálvora e Cortegada acollen colonias de corvo mariño moñudo, de pardela cincenta ou de gaivota patiamarela.

España, la tierra prometida mostra a provincia de Pontevedra como un dos territorios españois con maior potencial ornitolóxico e expón a riqueza que os seus ecosistemas teñen para as aves e a capacidade dos mesmos para dinamizar o territorio, xerando aproveitamento económico dunha forma sustentable e respectuosa co medio natural.

O primeiro capítulo, que se estrea esta tarde de domingo, narra como a combinación de ecosistemas, a variada climatoloxía e o seu especial emprazamento fan de España un lugar ideal para as aves. Destácase especialmente a localización da Península Ibérica, que fai posible a fusión entre ambientes do continente europeo e do africano e que exerza como ponte entre ambos.

Comentarios