"O novo Concello, a piscina e as prazas son os proxectos estrela"

Falamos co Alcalde de Silleda e candidato do PSOE

Manuel Cuíña. BLANCA PAZ
photo_camera Manuel Cuíña. BLANCA PAZ

Silleda está a ser un dos concellos da zona con máis crispación política, especialmente co PP. Poida que sexa a unha estratexia electoral, pero séntese cómodo? Como cre que interpretan isto os veciños?
Se fose estratexia electoral, desde o meu punto de vista sería una estratexia totalmente errónea. Non só non me sinto cómodo senon que sinto vergoña de que entre vecinos teñamos que chegar a este nivel de crispación, incluso con descalificacións persoais sen respectar nada nin a ninguén. É lamentable. Sei que os nosos vecinos e veciñas son moderados e non lles gusta nada esta crispación. Tamén sei que saberán tomar nota.

Cales son os piares básicos da súa idea para Silleda?
Seguir cas grandes liñas que desenvolvemos durante este mandato, apostando polo emprego a través do coidado do noso sector primario, como fixemos cando o Goberno do PP de España decretou o xa tristemente famoso catastrazo, gravando as instalacións agrogandeiras e forestais cun IBI abusivo. O Goberno de Silleda rápidamente reacionou bonificando este IBI nun 95%, sendo referente para os demais concellos que se sumaron a esta iniciativa. De igual xeito, o apoio ós nosos emprendedores con axudas a fondo perdido fan de Silleda un dos concellos con mellores datos de paro de toda Galicia, Continuaremos nesa liña.Outro dos piares importantísimos é a atención ós máis de 2.500 maiores do noso concello. Seguiremos día a día téndoos presentes. Xa temos Residencia e Centro de Día, teleasistencia gratuita, atención integral a enfemos de alzheimer ou medicamentos sen copago para todos aqueles que o necesiten. Esa é a nosa liña e así continuaremos. As liñas básicas da política silledense non se entenderían sen o apoio do gran tecido asociativo que temos (cultural ,deportivo, veciñal empresarial de mulleres ect…). Cumprimos con eles e seguiremos facéndoo.

E cal será o proxecto ou proxectos estrela?
A gran aposta que ano a ano estamos facendo por mellorar a vida no rural con grandes investimentos é para min en si un gran proxecto. En todo caso, se hai que nomear unha iniciativa estrela, tería que dicir alomenos tres: o novo Concello, que marcará un antes e un despois na calidade dos servizos que día a día prestamos ós nosos vecinos; a piscina climatizada, que será realidade no próximo mandato, e por suposto, a mellora das nosas prazas, como a creación dunha grande área no centro do pobo, que será o comenzó do urbanismo moderno en Silleda.

É o único alcalde socialista de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, feudo do PP a excepción de Lalín, onde o PSOE integra un cuatripartito, pero non o lidera. Manter a Alcaldía nestas circunstancias supón unha presión engadida?
Todo o contrario. Lonxe da presión, o que se sente é unha auténtica honra e orgullo. Sentirme querido polos meus vecinos ata termos impensables dende que iniciei esta andadura... Nunca lograrei traballar o suficiente para devolver tanto agarimo.

No caso de que unha posible fragmentación do voto lle perxudicase de cara a reeditar a maioría que agora ten, estaría aberto a pactar?
Non nos platexamos outro escenario que non sexa o de gobernar cunha ampla maioría. Só así poderemos seguir implementando estas e outras políticas tan necesarias para o noso concello e só así Silleda seguirá mirando cara adiante, progresando máis e mellor que a media de Galicia, e o que é moi importante, chegar por fin neste mandato á débeda cero en Silleda.

Comentarios