Un novo Metrominuto para Monte Porreiro

O barrio pontevedrés conta xa con catro paneis, que inclúen directorios con 62 empresas comerciais
Metrominuto instalado en Monte Porreiro. CONCELLO
photo_camera Metrominuto instalado en Monte Porreiro. CONCELLO

A Concellería de Promoción Económica e Turismo ven de instalar un novo monolito co Metrominuto e o Mapa Comercial deseñados para o barrio de Monte Porreiro.

A edil socialista Yoya Blanco explica que a colocación dos paneis nas inmediacións do centro cultural da urbanización, na rúa Alemaña, resposta á demanda dos propios veciños, "ao tratarse dun punto de moito tránsito e gran visibilidade".

Deste xeito, Monte Porreiro pasará a contar con catro monolitos dotados de metrominutos e directorios con 62 empresas comerciais e de servizos de proximidade establecidas no barrio: o recentemente ubicado no contorno do centro cultural súmase aos instalados perto da panadería Acuña da rúa Alemaña, o centro asociado da Uned e a rotonda da Ponte das Palabras.