Novo paso cara ao transporte a demanda coa contratación do estudo previo e a app

Empresas do estranxeiro puxéronse en contacto co Concello para interesarse polos pregos do contrato para a creación da aplicación
Grupo de taxis parados nunha rúa de Pontevedra. RAFA AFIÑA (ARQUIVO).
photo_camera Grupo de taxis parados nunha rúa de Pontevedra.

A portavoz do Goberno local, Anabel Gulías, anunciou este luns que a Xunta de Goberno local aprobou o inicio da contratación administrativa tanto do estudo e proposta de explotación do transporte a demanda como da aplicación informática que establecerá o seu funcionamento. Gulías lembrou que o proxecto é "unha aposta deste mandato que cremos que vai marcar un antes e un despois na mobilidade deste Concello", polo que o inicio da contratación administrativa destes dous expedientes supón "o pistoletazo de saída".

O estudo e proposta de explotación do transporte colectivo a demanda sae a licitación cun orzamento de contratación de 102.850 euros e cun prazo de execución de once meses. Segundo explicou Gulías, este estudo permitirá "analizar como se comporta a mobilidade sobre todo nas parroquias para poder buscar solucións acaídas". Neste sentido, lembrou que a proposta de viabilidade e sostibilidade da explotación do servizo de transporte a demanda precisa "dun encaixe dentro da lexislación".

Paralelamente, tamén se pon en marcha a licitación da aplicación informática que vai establecer como vai funcionar o mecanismo de transporte. Esta plataforma sae a licitación por un importe de 297.460 euros e conta cun prazo de execución de 21 meses. Neste apartado, Anabel Gulías informou que, durante o proceso de elaboración dos pregos, se puxeron en contacto co Concello empresas estranxeiras interesadas en participar no proceso.

Anabel Gulías asegurou que a previsión é que ambas contratacións estean adxudicadas e que comecen a executarse cara finais deste ano. Por outra banda, tamén informou que desde o Concello se espera ás reunións coa Xunta de Galicia para que a reformulación do transporte público de Pontevedra, que estivo parada pola crise sanitaria e polas eleccións, se retome e mesmo que este sexa un tema a tratar na próxima reunión entre o alcalde e o presidente da Xunta.

O proxecto A implantación dun modelo de transporte colectivo a demanda mediante vehículos de baixa capacidade encádrase nos obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020 e da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) Máis Modelo Urbano Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Comentarios