Blog | Acabou o conto

O boi cagou na botella

AO MEU amigo Tanqueta dixéronlle que a carne de boi era deliciosa e se pagaba ben e decidiu mercar un. Tanqueta é bo negociante e mellor comedor, polo que a transacción encaixaba co seu modo de vida. Como non sabía onde metelo, fíxolle un cortello no eido da casa e empezou a sacalo a pasear polo xardín, sempre que o sol da tarde acompañase.

Pronto descubriu que o animal tiña un defecto: cagaba demasiado. Cagáballe nas prantas, no céspede, ao lado das rodas do coche, enriba da caseta do can, na plaqueta… Cagáballe por todas partes. Un día, un colega da taberna, que tiña tantos coñecementos de endicronoloxía animal coma min de astronáutica, comentoulle que os bois posuían o curioso hábito de defecar en recipientes. Tanqueta optou por seguir os consellos e puxo cuncas, pratos e tazas vellas polo xardín adiante, coa esperanza de que a teoría da taberna funcionase. Tamén puxo unha botella. Deixou o mamífero a pastar e cando volveu de facer recados atopouno mansamente no seu lugar e cun zurullo inmenso intentando filtrarse dentro da botella que había no xardín.

Rafa parecía un tío sensato, pero deixouse seducir pola demagoxia

Tanqueta empezou a terlle fe ás botellas tanto como ao seu boi para enriquecerse. Retirou cuncas, tazas, pratos e fontes e puxo máis botellas no xardín ca minas había no Vietnam. Estaba feliz coa solución ao seu contratempo. Pero ao día seguinte os sedimentos do animal volvían estar no xardín. Ao seguinte, outra vez. E ao seguinte, de novo polo chan. As botellas non funcionaban. Desde aquel día, empezou a empregar ao seu boi como exemplo para toda carambola cósmica. Culé como é, enseguida o asociou ao Real Madrid de Zidane. "¿El Madrid merecía ganar la Copa de Europa? No, el buey cagó en la botella", vociferaba alegremente sacando un sorriso a tódolos presentes. Que chispa ten o condenado.

Descoñezo se Tanqueta coñece ao candidato ás eleccións locais polo Partido Popular, Rafa Domínguez. É posible que Rafa si coñeza a Tanqueta, que é famoso. Pero se Tanqueta o coñecese, é posible que hai unhas semanas crese que o boi cagou na botella.

Un día Rafa pareceu un tío sensato e encantandor, sen gravata, que se negaba a tenderlle a man á violencia de xénero. Rafa estaba gañando puntos, ata que recorreu en Twitter a un clásico slogan de baixa intensidade, deixándose seducir pola demagoxia. "No entiendo qué tienen que ver un vecino de Pontevedra o el BNG de Lores con Arnaldo Otegi o con Gabriel Rufián. ¿Y tú? ¿Tienes algo que ver con Otegi o Rufián?".

Para que o entendan, o BNG acode con Esquerra e EH Bildu da man ás Eleccións Europeas porque, ao igual que el, son partidos nacionalistas e de esquerdas. E como a circunscrición para obter representación non é provincial, como sucede nos comicios aos diferentes parlamentos (autonómico e central), os partidos intentan sumar esforzos para ter unha representación en Europa da que doutro xeito non poderían dispoñer. Son partidos que teñen como interese común a defensa das súas culturas e os seus cidadáns fronte ao que consideran intentos de centralización doutros partidos ou as súas políticas conservadoras con algúns dereitos básicos. Despois pódese entrar en consideracións sobre se cada un deles o fai do xeito correcto. Pero como os tres son partidos legais, con persoas libres, van xuntos ás eleccións.

Rafa decidiu comezar a campaña europea antes que a municipal e meteu a Lores no saco. Só lle faltou deixarse levar pola coraxe indómita de Pablo Casado e preguntarse se era Lores un golpista e un terrorista ou se estaba disposto a pactar con golpistas e terroristas no Concello de Pontevedra.

Rafa podería ser algo máis prudente para evitar o golpe de regreso do boomerang, porque a historia recente do seu partido coa xustiza non dá para moitas alegrías. E agora que chegan as eleccións municipais algún malpensado se podería deixar caer por aí e preguntarse que ten que ver o PP de Rafa co PP da Gürtel, M. Rajoy, Esperanza Aguirre ou, mellor aínda, de José María Aznar, que enviou ao país á guerra contra a vontade de todo o propio país ou lle mentiu á sociedade española ao dicir que o 11M fora cousa de ETA. Non parece boa idea rebaixar a política a ese nivel.

Despois do chío e da súa declaración de intencións coa violencia machista, xa non sabemos se crer que Domínguez é o bo tipo de boas ideas de antes ou un político máis, torpe no uso de slogans como moitos outros. Quizais sexa mellor pensar que, desta última vez, o boi cagou na botella.

Comentarios