O campionato de baristas converterá a Pontevedra na capital do café

O Concello subliña o impacto positivo que este evento terá na economía local
Anabel Gulías e Diego Campos, na presentación do Spain Coffee Festival
photo_camera Anabel Gulías e Diego Campos, na presentación do Spain Coffee Festival

Pontevedra converterase do 11 ao 14 de maio na capital do café, grazas á celebración do Spain Coffee Festival, organizado pola SCA (Speciality Coffee Association) co fin de promover a cultura do café entre públicos tan diversos como tostadores de café, profesionais do sector hostaleiro e público amante desta bebida, a segunda máis consumida no mundo. 

O obxectivo é dotar de coñecementos, habilidades e criterio aos distintos públicos. Aos tostadores de café, para que coñezan e se conciencien das diferentes calidades que existen no café; aos profesionais do sector da hostalería, para que poidan formarse acerca das formas axeitadas de preparación para lograr un café de calidade; e ao público xeral, para que saiba valorar, apreciar e solicitar un bo café nos locais hostaleiros ou para preparar un café de calidade na casa. 

Baristas profesionais, catadores, tostadores de café, especialistas en latte art e afeccionados daranse cita neste evento que ofrecerá, ademais, a cuarta edición do Festival de Cafés Especiais SCA e os Campionatos Nacionais de Especialidade nas modalidades de Barista, Latte Art, Brewer, Toste, Cata e Coffee in Good Spirits.

Diego Campos: "Galicia ten a mellor aula de España en formación baristas e o único laboratorio certificado. Cada vez hai máis cultura do café e coñcemento do produto"

Pontevedra será a sede das probas para elixir os finalistas estatais que acudirán aos campionatos mundiais, que se celebrarán en xuño en Budapest (Hungría) e en novembro en Seúl (Corea), segundo explicou Diego Campos, coordinador da SCA en España, quen este xoves presentou esta iniciativa xunto coa concelleira de Promoción Económica e da Cidade, Anabel Gulías. 

A edil subliñou que será un evento "de gran dimensión" que repercutirá na economía local e que nas anteriores edicións se celebrou en Vitoria e Madrid. "Á SCA chamoulle á atención a vida da cidade e o noso compromiso coas novas tendencias gastronómicas". Campos, pola súa parte, apuntou que o ano pasado contou con 6.000 asistentes diarios e que será a primeira vez que se celebren en España as finais dos seis campionatos. "Galicia ten a mellor aula de España en formación baristas e o único laboratorio certificado. Cada vez hai máis cultura do café e coñcemento do produto". 

PROFESIONAIS LOCAIS. Aprender como se prepara un bo café, a arte da crema e as súas figuras, tipos de café e as súas distintas mesturas son só algunhas das actividades que os visitantes poderán descubrir durante os catro días que durará o Spain Coffee Festival. Haberá tamén stands con firmas expositoras de todos os ámbitos do café de calidade en España, degustacións de diferentes cafés, talleres, coloquios e demostracións, ademais das distintas modalidades de campionatos, que serán abertos ao público, o que supón unha gran oportunidade formativa para os profesionais locais e un espectáculo moi visual e de gran interese para o público xeral. 

SCA España representa á Specialty Coffee Association neste país, unha asociación que agrupa desde baristas a produtores pasando por todos os demais profesionais que interveñen na cadea do café de especialidade. Esta agrupación está baseada na inclusión, calidade e coñecemento como valores principais. Asimesmo, é a única institución internacional que ofrece un programa de educación regulado de café, con diferentes módulos que abarcan desde barista a catador, pasando por tostador, café verde ou brewing. Os formadores autorizados por SCA están repartidos por todo o mundo impartindo cursos certificados internacionalmente.

Comentarios