A sesión do día 29: As cinco forzas da Corporación manteñen o límite de ata dúas mocións

Pontevedra: Cumpren os políticos co galego?

O Goberno pontevedrés denuncia que algúns edís da oposición non usan o idioma nos plenos ► O BNG reabre o debate lingüístico cunha moción que debaterá o xoves co resto de forzas
Lores no Pleno no que foi investido alcalde por quinta vez
photo_camera Lores no Pleno no que foi investido alcalde por quinta vez

O uso do galego entre os membros da Corporación volve a ser obxecto de denuncia política. O Goberno local cre que algúns concelleiros da oposición deberían usar máis esta lingua, sobre todo nos plenos. Segundo o voceiro municipal, Raimundo González Carballo, hai políticos que "non cumpren" coa normativa de normalización lingüística do Concello de Pontevedra e, por este motivo, ve necesario trasladar este debate á sesión plenaria do xoves que vén. Os nacionalistas empregarán unha moción para manifestar o seu malestar. O seu contido é aínda unha incógnita e, polo tanto, descoñécese se o grupo que lidera Miguel Anxo Fernández Lores sinalará a algún edil pola súa falta de compromiso co idioma. 

Pero é lexítima a reivindicación do Bloque Nacionalista Galego? Si, pero o regulamento non obriga a que os concelleiros utilicen o galego durante a súa vida pública. A única recomendación ó respecto, recollida na ‘Ordenanza de impulso do uso do galego no Concello de Pontevedra’, aprobada en novembro de 2004, recolle o seguinte: "Os cargos do Concello de Pontevedra expresaranse normalmente en galego nos actos públicos celebrados en Galicia sempre que a intevención sexa por razón do propio cargo". 

"O Pleno da Corporación promoverá o uso normal da lingua galega"

Por outra banda, o Regulamento Orgánico do Pleno (ROP) expón que o galego "é o idioma oficial do Concello", polo que "o Pleno da Corporación promoverá o uso normal da lingua galega". Iso si, o texto tamén lembra: "Non obstante, os concelleiros poderán facer uso indistintamente do idioma galego ou do castelán". 

O ROP prevé, non obstante, que o galego debe ser empregado en documentos como os que se levan ó Pleno. Así, no artigo oito deste regulamento recóllese que "as mocións sobre as que deba pronunciarse o Pleno e calquera outra iniciativa sobre a que deba pronunciarse o Pleno da Corporación" deben estar redactadas nesta lingua. 

MARÍA REY. Esta última resolución só é asumida –ó pé da letra– polos edís do BNG, PSOE e Marea, mentres que PP e Ciudadanos non sempre a cumpren. 

"Non creo que a preocupación dos veciños e das veciñas de Pontevedra sexa o idioma no que falamos no Pleno. En Pontevedra temos un grande respecto con este tema. Cada un fala galego ou castelán, indistintamente sen que iso cree tensións. Quizáis deberían presentar mocións sobre problemas reais desta cidade", manifestou este venres a voceira do partido laranxa, María Rey, que avisa: "María Rey vai seguir facendo o que fixo sempre: falar galego ou castelán cando queira. Hai dúas linguas en igualdade de condicións. Falarei galego ou castelán cando toque. Por imposición, xamais", concluíu.

Comentarios