A Xunta declarará este xoves como BIC a ponte medieval de Vea

Cumpre así cunha iniciativa que partiu dos grupos do BNG de A Estrada e Teo en 2015 ► Os nacionalistas piden a súa rehabilitación
A ponte medieval de Ponte Vea, no límite entre os municipios da Estrada e Teo
photo_camera A ponte medieval de Ponte Vea, no límite entre os municipios da Estrada e Teo

O Consello da Xunta aprobará na súa xuntanza de este xoves, 9 de novembro, a declaración da ponte medieval de Ponte Vea como Ben de Interese Cultural (BIC). Farao case tres anos despois de que o BNG comezase a mobilizaarse en prol desta distinción, tanto no Concello da Estrada, como no veciño coruñés de Teo —a ponte está situado o límite xeográfico entre ámbolos dous—. Aquela iniciativa nacionalista conseguiu o apoio unánime das corporacións estradense e teense e logo foi a actual voceira do BNG, Ana Pontón, quen defendeu a iniciativa no Parlamento Galego.

De xeito paralelo ás intervencións de tipo político tamén se mantivo unha loita social, con actos de carácter reivindicativo, que incluían, ademais da petición de declaración como BIC deste ben patrimonial e que forma parte da historia de Galicia, a súa posta en valor. Por iso agora os nacionalistas subliñan que tan importante é declarar o monumento como BIC coma a súa posta en valor. É preciso, sosteñen, facer actuacións de rehabilitación na ponte porque se atopa nun avanzado estado de deterioro.

EXCREMENTOS. Noutra orde de cousas ben distintas, o Concello da Estrada esixiu onte ós veciños que posúen cans e os levan de paseo que recollan os seus excrementos, un asunto que vén provocando queixas da cidadanía. O alcalde, José López, recorda que ademais da mala imaxe que se xera, esta actitude pode representar un perigo para a saúde, especialmente para os nenos.

López recalca que non recoller as deposicións dos cans supón infrixir a normativa municipal, o Regulamento de Protección do Medio Ambiente, de Limpeza Pública e de Recollida do Lixo. Esta fixa sancións de ata 90 euros por non recoller ditos excrementos.

Comentarios