Imprimir

O flautista de Hamelin

Xaime Nogueira Casás | Acabou o conto

Diario de Pontevedra | 21 de noviembre de 2018

Kike Hernández entrevistado por Kelli Tennant. LOS ANGELES DODGERSDEBO RECOÑECER que non me vexo perseguido polo mero feito de ter aparato reprodutor masculino. Non estou oprimido. Non señor. Como moito, sinto que a vida se pon canalla cando teño que levar traxe e garabata, que foron tres ou catro infaustas ocasións en 40 anos. E iso non ten nada que ver con ser home ou muller, senón coas estúpidas convencións sociais (vodas, bautizos, xantares no Liceo Casino e outras festas de gardar).

Levo unha traxectoria envexable, se me poño a pensar no que outras persoas doutras condicións sociais, razas, nacións, credos, vestimentas e peiteados chegaron a sufrir. E ademais son home. Debo dar grazas.

Ás mulleres (como colectivo, non a todas, creo que me entenden) tocoulles un mundo complicado. Un mundo no que están en permanente risco de emparentarse con algún inesperado malnacido de gadoupa áxil ao que lle dea por sacudir reveses en función de algunha escura razón que só as súas neuronas extraviadas coñecen. Un mundo no que teñen que saltar obstáculos máis altos para poder chegar á mesma altura que os camaradas varóns. Un mundo liderado por homes para homes. Vaia slogan.

A nai que me pariu trouxo á vida a outras cinco criaturas, amamantounas e levounas aos médicos que procedían para curarlles gripes varias. E aínda tivo tempo a padecer cada vez que unha delas ou eu (case sempre eu) tiñamos algún problema. De dar a luz e leite, meu pai pouco entende. É indiscutible que é máis sinxelo nacer home que muller.

Gustaríame un mundo con máis mulleres tomando decisións. Non sei por que teño a impresión de que son menos avarentas e ambiciosas e máis empáticas e solidarias. Non hai estudo previo sobre o asunto, seino.

Pero (como supuñan, hai un pero) nesa necesaria batalla do feminismo pola igualdade de dereitos alguén perdeu o horizonte. Detrás dese alguén camiñou un rabaño de insensatos, bailando a música do seu líder de Hamelin. E chegou ese momento na historia da humanidade no que toda frase, contido ou conduta acabou adquirindo significado machista.

Hai a quen abrirlle a porta a unha muller para deixala pasar diante lle parece machismo. Para outros (ou para a mesma persoa, incluso) pasar pola mesma porta diante da mesma muller tamén é machismo. Dicirlle a unha coñecida ou amiga o guapa que está é machismo. O diccionario e a gramática enteira (repito, enteira) son machistas. Tódolos casos de violencia nos que están implicadas mulleres, machismo. Poemas de amor, machismo. Cancións de Amaral, machismo. Titulares de prensa de todo tipo... Aí si que hai auténtico machismo, de primeira calidade, de a 20 euros o kilo.

Na folga feminista do 8 de marzo chegouse ao estremo de ver como machistas aos homes que acudían a manifestarse, porque os dereitos da muller só os poden defender mulleres. Aqueles que acudiron a traballar tamén eran machistas por ser malos e pérfidos compañeiros incapaces de mostrar empatía. Eu ese día estaba enfermo. Libreime.

Se vostede a un inútil no seu traballo lle chama inútil, é que é un inútil. Se a unha inútil, sobre todo se ela exerce nun mundo habitualmente poboado por homes, lle chama inútil, é que é vostede un ou unha machista de categoría especial.

O meu favorito de todos é o caso da foto: o xogador de baseball Kike Hernández responde as preguntas da xornalista do canal dos Dodgers, Kelli Tennant. Hernández mide 1,58; Tennant, 1,82 (sen tacóns). O xogador subiu a un caldeiro co fin de estar máis arriba ca ela. Onde eu vin a un pobre acomplexado, unha horda de tuiteiros atopou a un irredutible machista.

Cando algúen está metido nunha loita tan seria pola igualdade, convén que saiba separar ben o anecdótico do categórico. Se non o fai, corre o risco de que non o/a tomen en serio nin a el/ela nin a súa pelexa. Sería a mellor munición para os seus inimigos e detractores, a mellor maneira de poñer pedras no camiño para devolver a orde a Hamelin.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /blog/xaime-nogueira-casas/o-flautista-de-hamelin/201811211714031010366.html


© 2019 Diario de Pontevedra

Lepanto 5, Pontevedra

Tlfno: 986 011 100

(Grupo El Progreso)