Opinión

O gardián do bosque / O meu irmán

O gardián do bosque

María e Sofía eran dúas irmás que vivían en Pontevedra. María era a maior das irmás. Ás dúas gustáballes xogar. Un día, foron xogar ao bosque pola tarde despois de facer os deberes. Pasadas unhas horas, xa case era noite.

- Sofía, creo que deberiamos marchar para casa -díxolle María á súa irmá.

- Veña, non sexas aburrida! -contestoulle Sofi. Ela seguía brincando, tratando de que a súa irmá non a atrapase. Entón, Sofi tropezou cunha pedra e caeu nun burato profundo.

- Sofi !!!!! -berrou María.

- María, por favor, axúdame!!!! -A nena estaba chorando desconsoladamente. Ata que, por arte de maxia, unha luz flotante cegou a María. Entón, nun estoupido, unha criatura misteriosa apareceu diante de María. Levaba posto un traxe verde, un gorro de elfo e tiña un bolso marrón.

-Axudareivos! -dixo a misteriosa personaxe. Sacou unha corda do seu bolsiño, meteuna polo burato e sacou a Sofi de alí. Cando a nena secou as bágoas, deuse a volta para agradecerlle á estraña criatura que a sacase do burato, pero así como aparecera, desaparecera. Cando volveron á casa, as nenas con táronlle o sucedido aos seus pais, pero non o crían. Pasaron as semanas, os meses, e as nenas non volveron ver a misteriosa personaxe.

Unha noite, as nenas seguían espertas moi tarde.

- María, ti cres que volveremos ver ese elfo? -preguntou Sofi , en voz baixiña.

- Non sei, Sofi . Apareceu cando estabas en perigo e axudoute -dixo María cun ton un chisco entristecido. Entón, de súpeto, as nenas volveron ver esa misteriosa luz no seu cuarto. Era el!

- Oooooohhhh!!! Es ti!! -dixo Sofi .

- Veño contestar a vosa pregunta. Eu son Merlín, o protector do bosque.

Entón, a criatura desapareceu. A pregunta das nenas xa estaba resolta. Tamén quedaron tranquilas, porque sabían que estaban protexidas.

CHRISTIAN CABALEIRO OTERO

CEP Santa Mariña [Redondela]


 

O meu irmán

Cando nacín, vin o meu irmán: era igualiño a min. Sempre es tivemos xuntiños nun expositor, ata que un día un home nos meteu nunha bolsa e nos levou. Chegamos a un sitio estraño. Aquel misterioso home deixounos nun lugar escuro e frío con máis coma nós, pero, a diferenza do meu irmán e mais eu, estes non falaban.

Un día este home díxonos que era o noso dono e meteuse dentro de nós e levounos a pasear; debémoslle gustar porque a partir dese día levounos moitas máis veces.

Nun destes paseos o meu irmán mancouse, e o home non se decatou, pero, ao chegar a casa, deuse conta e dixo que nos tiraría ao lixo. Eu escoiteino e asusteime porque eu ao meu irmán queríao moito e, sen el, eu tampouco servía para nada. Así que decidín buscar solución: "había que arranxar o meu irmán".

Pensei... e ao día seguinte propúxenlle ir ao hospital dos zapatos, ao zapateiro.

Fomos camiñando xa que estaba preto da nosa casa. Como el non podía, eu levábao ás costas. Outros zapatos ao verme escapaban dos pés dos seus donos para vir axudarnos. Co seu apoio chegamos ao zapateiro, máis ou menos dúas horas levoulle ao zapateiro arranxar o meu irmán. Cando saímos estaba coma novo. Volvemos á casa e a vida continuou...

IAGO CABALEIRO PAZOS

CEIP Plurilingüe Outeiro das Penas [Redondela]