O máster de Cifuentes, protagonista nas cantigas da Festa dos Maios

A Asociación Cultural e Deportiva de Marcón, o CEP Campolongo e a Asociación Cultural de Deportiva Campañó foron os gañadores do concurso

Cifuentes segue a dar que falar. O asunto do seu máster e máis o incidente protagonizado nun centro comercial pola xa ex presidenta da Comunidad de Madrid centrou boa parte da Festa dos Maios desta mañá na Praza da Ferraría. "Faite amigo de Cifuentes contarache as manobras para levar sobresalientes", cantaban os nenos e nenas do CEP Campolongo.

Fotogalería Os Maios.RAFA FARIÑAPontevedra recibiu a primavera unha vez máis nunha das prazas máis céntrica da cidade con sol e unha temperatura máis elevada do previsto. Con colares de pampillos e estruturas elaboradas con fiúncho, laranxas, ovos e outros elementos naturais, oito colectivos representaron as súas cantigas sobre o escenario. Ao final, os gañadores foron a Asociación Cultural e Deportiva de Marcón, que acadou o primeiro premio na categoría de Mellor Maio e Mellor Coroa. Ademais, os premio ás Mellores Cantigas foi para o CEP Campolongo e a Mellor Interpretación foi para a Asociación Cultural e Deportiva Campañó

Houbo unha mención especial do xurado que compartiron os integrantes da agrupación San Xulián e O Maio dos Avós. Como o propio nome indica, a agrupación estaba composta por persoas que peitean xa canas que nas súas cantigas reivindicaron unha Pontevedra sen "a ocupa celulosa que parasita na ría" e protestaron polas "pensións esquilmadas por un Goberno ladrón".

A encargada de dar a benvida ao maio foi a poetisa poiense Tamara Andrés, que lembrou os maios da súa nenez e rendeu homenaxe á protagonista deste ano no Día das Letras Galegas, María Victoria Moreno. Referiuse tamén á escasa presenza de mulleres entre as homenaxeadas neste día nos 55 anos que se leva celebrando a festa e fixo referencia a Rosalía de Castro: "Penso que 'A xustiza pola man' non debería ser poema contemporáneo". 

Andrés expresou tamén os seus bos desexos de cara á próxima primavera: "Agardo que a xesta vos brinde sempre protección e ledicia".

Os gañadores
Mellor maio. Os maios que acadaron o premio por teren a mellor estrutura foron, por orde, ACD Marcón, ACD Campañó, CEIP Marcos da Portela e CEIP Campolongo. 
Mellor cantiga. Nesta categoría venceron o CEP Campolongo, a ACD Marcón, a ACD Canpañó e o CEIP Marcos da Portela.
A mellor interpretación segundo o xurado foi a da ACD Campañó, seguida do CEIP Marcos da Portela, o CEP Barcelos e o CEP Froebel.
A ACD Marcón, a ACD Campañó, o CEP Froebel e o CEIP Marcos da Portela gañaron os premios á mellor coroa
O Premio Especial do Xurado compartírono os Maio de San Xulián e o Maio dos Avós. O Premio Especial Maios foi para a ACD Marcón. 

Comentarios