O mono furioso de Pontevedra pasa páxina

O Museo de Pontevedra acolle este mércores a presentación oficial do libro de Furious Monkey House, 'Corre, mono, corre' ►A banda prepara un novo proxecto discográfico para o ano que vén
Rodrigo Cota, Gonzalo Maceira e Santiago Paredes, retratados polo propio Paredes para Diario de Pontevedra
photo_camera Rodrigo Cota, Gonzalo Maceira e Santiago Paredes, retratados polo propio Paredes para Diario de Pontevedra

A culpa de todo tena a mona das Palmeiras. Así o conta Corre, mono, corre, o título da banda Furious Monkey House que vén de publicar Libros Cúpula (grupo Planeta) e que este mércores se presenta oficialmente no Museo de Pontevedra (20.00 horas, Sexto Edificio, entrada libre). Así o conta tamén un dos autores do volume, o escritor e guionista Rodrigo Cota. "A idea creo que foi de Kin [Joaquín Martínez], de Esmerarte, os managers dos rapaces", explica. "O mono que monta o grupo tiña que ser fillo da mona das Palmeiras. Así apareceu. Dende aí seguimos contando as súas aventuras polo mundo adiante".

Gonzalo Maceira "Este é un libro moi friki, con estética underground e cun mono que se atopa dende con Iggy Pop ata con Kurt Cobain"

Cota é un dos tres responsables de Corre, mono, corre. Os outros dous son o ilustrador Santiago Paredes e o fundador da banda, o músico e mestre Gonzalo Maceira. "Foi un gustazo traballar con eles dous, pero ademais é que este é un pedazo de grupo. Estes nenos son uns virtuosos. Dende Manuel Quiroga, na música en Pontevedra non pasara nada tan bonito como esta banda", remata Cota.

A idea para publicar un libro dos Furious Monkey House saíu do concerto que a banda deu no Teatro Lara en Madrid. "Mencionouse alí, pero o tema quedou no aire", explica Maceira. De volta en Pontevedra falou co seu amigo Santiago Paredes para intentar desenvolver a proposta. Sumaron a Rodrigo Cota ao proxecto. "A idea inicial era a de facer un libro de actividades para nenos", explica Paredes. "Pero cando empezamos a falar de 196 páxinas, xa vimos que había que pensar máis cousas". Finalmente, o libro aparece estruturado en varias partes: a presentación do grupo de nenos de Pontevedra, unha historia que mestura partes de banda deseñada e de relato ilustrado na que se contan as aventuras de Monkey e un apartado de xogos e actividades. "Traballamos contrarreloxo. Foron unhas sermanas tolas e caóticas, pero a verdade é que eu me recoñezo moito neste traballo", explica Santiago Paredes, que entrou no proxecto Furious Monkey House dende o seu inicio ocupándose do deseño da cartelería do grupo, entre outras cousas. "O resultado é un libro arriscado, que probablemente doutra maneira non sairía e no que traballou moita outra xente, como Guillotina Estudio no apartado de deseño".

Rodrigo Cota "Son uns virtuosos. Dende Manuel Quiroga, na música en Pontevedra non pasara nada tan bonito como esta banda"

FORREST GUMP. Maceira, que di estar traballando coa banda "cun obxectivo moi ilusionante de cara ao ano que vén e a un novo disco", explica que Corre, mono, corre "é un libro moi friki, cunha estética underground e cun mono que é unha especie de Forrest Gump e se vai atopando dende con Iggy Pop ata con Kurt Cobain". A cousa é que Monkey está no momento adecuado e no sitio adecuado: é capaz de estar detrás do nome da banda máis importante do grunge, Nirvana, e de inspirarlle un tema aos mesmísimos Pixies.

"Queriamos que o libro mesturase varias cousas: un diario da banda, un cómic, xogos para aprender as cancións, fotografías... e que todo iso tivese ademais varias lecturas, que o puidese coller un rapaz novo e divertirse, pero tamén un adulto. Penso que o conseguimos", remata Gonzalo Maceira.

Para el, o máis importante, segundo di, é seguir creando cousas interesantes arredor do proxecto Furious Monkey House. "Nós temos a sorte de non contar con ningún tipo de presión enriba, de facer o que nos dá a gana", indica. "Así que o libro non é máis que un paso máis en toda esta aventura: en estar xuntos , en facer música e en pasalo ben".