Blog

O monstro do bosque / Que está pasando?

O monstro do bosque

A rapaza saltaba as sombras das árbores, alongadas por un sol que comezaba a ocultarse. Saltaba para non pensar que estaba perdida naquel bosque e xa se estaba facendo de noite.

A punto de durmir entre as raíces dunha árbore, un son descoñecido inquietouna. O medo medrou nela a medida que o ruído se achegaba. Entón, unha figura enorme saíu suxeitando un candil e ela gritou. Intentou fuxir, pero tropezou e caeu. O monstro, porque só así se lle podía chamar, achegouse. Pousou o candil xunto á pequena e permaneceu quedo. Ela, ao ver que el non avanzaba, calmouse. Fixouse en que tiña unha cara bastante fea, uns dentes arrepiantes e un corpo xigantesco. Aínda así, por algún motivo, a súa mirada inspiraba confianza.

Quen ía imaxinar que a rapaza deixaría que o monstro a collese da man e a levase á súa casa do bosque. Ela, moi cansa, accedeu a pasar alí a noite coa condición de que pola mañá lle amosase o camiño de volta á súa vila. O monstro estivo de acordo e, como prometera, acompañouna. A despedida foi rápida porque el non quería que o visen.

A rapaza correu ao orfanato onde vivía, pero ao regresar ninguén creu a historia do amable monstro que coñecera e mofáronse dela. A rapaza entristeceuse ao pensar no seu amigo e comezou a crer que aquelas persoas eran os verdadeiros monstros. A diferenza estaba en que eles ocultábano tras máscaras de racionalidade e el amosábase tal e como era.

Así que un día a rapaza saíu ao bosque e perdeuse nel de novo, quizais para non volver. Só que desta vez sabía que tiña un amigo esperando por ela.

Sandra Ferreiro García

Ies Manuel García Barros, de A Estrada

_______________________________________________________________________________________________________________________________________________________________

Que está pasando?

—Abre os ollos. Respira con tranquilidade. Péchaos. Sabes como pestanexar, non?

Fixen o que esa voz me indicaba, pero sen responder a pregunta. Busquei no escuro espazo no que estaba a voz que me falara, pero era case imposible ver algo. Esa voz masculina non volveu soar.

—Míraa. Estanos buscando —riu unha voz feminina—. Non nos vas encontrar, descansa a vista. Fiquei moi asustada e cerrei os ollos. Intentei falar, pero a mordaza que tiña na boca impedíamo.

Pasou moito tempo e acabei durmindo. Ao espertar, encontrábame nunha cela pobremente iluminada. Xa non tiña a mordaza, así que intentei falar, pero non me saíu voz ningunha. Non recordaba absolutamente nada. Decidín levantarme, e encontrei unha porta. Pasei por ela e corrín sen rumbo fixo.

Acabei chegando á saída do que parecía ser un pequeno cárcere. Mirei cara ao ceo; era un día solleiro, sen nube ningunha. Encontrábame nunha estraña cidade; nela soamente había varios edificios, e o chan era de terra. Semellaba a película O Francotirador!

Sentín que me observaban, pero non había ninguén. Ao mellor é unha presenza fantasmal, pensei. Non se me ocorreu cousa mellor que fuxir dela.

Seguín correndo sen que pasase nada, ata que me parei ao lado dun coche do exército. Mirei dentro: había varias escopetas e un Kalashnikov. Abrín a porta do coche e collino. Entón escoitei o grito dunha voz masculina que me resultaba moi familiar. Mirei cara arriba e vin un francotirador apuntándome. Alcei o Kalashnikov, pero xa era moi tarde. Instantaneamente sentín unha dor no peito e todo escureceu.

Cando volvín abrir os ollos, seguía sen ver nada. Outra vez esa estraña escuridade!

—Mira, volveu abrir os ollos...

Paula Franco Cordeiro

Ies Santa Irene, de Vigo

Comentarios