Blog | A lume maino

O mundo a paladas

Piragüistas na ría de Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Piragüistas na ría de Pontevedra. RAFA FARIÑA

HAI UNHA semana, seguindo a campaña electoral, chegamos ao peirao das Corvaceiras. Alí os rapaces da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra amosaban ós candidatos de Marea en que condicións adestran habitualmente. "No inverno morremos de frío e no verán abafamos coa calor", contaba o presidente do clube deportivo nunhas instalacións que máis parecían un vello garaxe, escuro e húmido, coa feluxe gabeando por uns aparellos que inspiran épocas antigas. Por non falar das carencias dos vestiarios ou desa sala de trofeos nunha sorte de faiado sen ventilación nin apenas luz. Algúns dos herdeiros de Cal e Portela adestran alí de cotío. Din desde este club que teñen a concesión das instalacións por cinco anos, e non se atreven a investir grandes cantidades de diñeiro, porque non contan coa garantía de que se lles revalide dita concesión.

Ter entre nós os grandes como Cal ou Portela, fainos aínda máis fortes

Esa mesma semana escoitei ó adestrador dun clube deportivo de ximnasia acrobática da cidade falar dos problemas ós que se enfrontan para dispoñer dun pavillón co material preciso para preparar os seus ximnastas de cara ós campinatos que veñen. Contan con decenas de deportistas que súan varias horas á semana no obxectivo de mellorar na súa disciplina, pero na súa rutina entra preguntar cada semana se queda libre algunha instalación en Pontevedra para a fin de semana, nalgunha das parroquias ou incluso nos municipios veciños. "E non te queixes porque non hai moito deixábante un e cando ías empezar chegaba un equipo de fútbol e nos botaba directamente", din.

Mentres, as Escolas Deportivas comparten o pavillón co balonmán durante o curso escolar e nos días de partido tampouco adestran.Tamén é doado ver ós pequeniños de atletismo polos laterais do pavillón municipal no seu adestramento seguindo a estela dos seus heroes. E os grupos de rítmica ensaian por quendas as súas coreografías por falta de espazo. Así que agora que andan os partidos sacando lustre ás súas propostas para o 26M en materia de deporte é o intre de poñer o foco na nosa canteira de deportistas.

É a Boa Vila unha pequena potencia deportiva. Temos un Centro de Tecnificación Deportiva no centro, unha facultade de Ciencias do Deporte e os nosos referentes percorrendo o Lérez en kayak ou correndo polas pistas das Illas das Esculturas. E isto, o ter entre nós a grandes figuras como David Cal e Teresa Portela, ou Gómez Noya e Saleta Castro fainos aínda máis fortes. Na última xornada da Escola María Vynials unha increíble Desirée Vila daba unha lección de superación ós asistentes e contaba que algunhas veces vai ós coles coa súa perna ortopédica e as súas medallas para falar do importante que é levantarse cando a vida che dá un revés.

O fútbol é paixón, non hai dúbida, pero ó tempo que medra o prezo dos campos de herba sintética que pasan o día baleiros, os deportes minoritarios rífanse o que queda. Non entendo que David Cal estea dando charlas en Murcia ós futuros profesionais do piragüismo e aquí ninguén pense en achegar ó noso maior medallista ós centros escolares para que conte que aquí á beira do Lérez tamén se adestra trala velocidade do vento. Ou que algúns monitores con graos e mestrados deixen a pel e a vocación nas pistas dos alevíns sen garantías dun porvir adicado ó adestramento en corpo e alma. A cidade demostrou que quere deporte no pasado Mundial de Tríatlon. E témolo todo para impulsar o talento das xeracións máis novas, tanto se queren dar patadas a un balón, percorrer o mundo a paladas ou facer un dobre mortal cara o futuro.

Comentarios