O Museo de Pontevedra e 'Nós'

A Sala Castelao do Sexto Edificio reabre tras a reformulación que sufriu para expoñer de xeito permanente os orixinais do álbum Nós, atopados en 2016 ► "Vivimos un día histórico para este Museo e para a cultura galega con maiúsculas"

Luís Caruncho interpretando cantares de cegos fronte ás autoridades, onte, na nova sala de Castelao. DAVID FREIRE
photo_camera Luís Caruncho interpretando cantares de cegos fronte ás autoridades, onte, na nova sala de Castelao. DAVID FREIRE

Día histórico. Dixérono todas as autoridades que interviñeron onte na reapertura da sala Castelao do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, trala reformulación que sufriu este espazo para incorporar os orixinais do álbum Nós á exposición permanente. As ilustracións foron achadas en 2016 polos conservadores José Manuel Castaño e Ángeles Tilve despois de darse por desaparecidas en 1931. Mostráronse por primeira vez na exposición Meu Pontevedra. Agora, a familia que as tiña no seu poder (e que permanece no anonimato) cedeullas ao Museo, "en principio por cinco anos, agardemos que sexan moitos máis", dixo o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, que exerceu de anfitrión nun acto no que participaron o músico Luís Caruncho e a poeta Tamara Andrés, ademais da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

"Vivimos un día histórico para este Museo e para a cultura galega con maiúsculas", indicou o director da institución, Carlos Valle. Para a Deputación, coa incorporación do álbum, o Museo convértese nun "centro de referencia insuperable" no que a Castelao se refire. Para Valle tamén: "Complétase a secuencia de Castelao non só no Museo, senón en termos absolutos", indicou referíndose a que o centro museístico contén a maior colección que existe sobre o autor de Rianxo.

Ángeles Tilve: "O Museo é Castelao. Está presente dende o nacemento da institución. O máis e o mellor da súa produción consérvase aquí"

Algunhas das pezas máis importantes desa colección poden verse neste novo espazo. José Manuel Castaño, un dos conservadores que realizou o achado dos orixinais de Nós, lembra que Castelao é o único persoeiro, xunto con Manuel Quiroga, que conta cunha sala propia no Museo. "E aínda así é imposible mostrar todo o material que ten del", di. "Pero na nova sala queda ben representada tanto a súa obra artística como o seu pensamento político. Pódese ver por exemplo unha vitrina, que non se vira en ningunha montaxe anterior, co manuscrito orixinal do Sempre Galiza, a súa adicatoria a Bóveda e o seu título orixinal, Co pensamento en Galiza".

Ángeles Tilve tamén destaca que, no novo espazo, se incorpora outro material inédito. "É un soño para calquera museo reunir estas series senlleiras de Castelao. Pero a sala contén outras 50 obras novas da colección do Museo, que ou non estaban na exposición permanente ou só se expuxeran esporadicamente", explica. "O Museo é indiscutiblemente Castelao. Non é só que estea presente no seu nacemento, é que está presente dende que é só un pensamento. O máis e o mellor da súa produción está aquí".

Para os dous responsables do achado do álbum, a data histórica non foi tanto onte como esa na que se confirmou que se recuperaran os orixinais de Nós. "Pero indubidablemente o Museo enriquece hoxe a súa colección, xa de por si riquísima".

Comentarios