Blog | Acabou o conto

O nome é o de menos

Os representantes das forzas políticas de Soutomaior e Ponte Caldelas manifestándose contra o trasvase do Verdugo en Pontesampaio. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Os representantes das forzas políticas de Soutomaior e Ponte Caldelas manifestándose contra o trasvase do Verdugo en Pontesampaio. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

PARA O Remi só había un problema maior que a súa promiscuidade: a súa falta de memoria. As súas mozas cazábano en pleno éxtase vítima da súa torpeza: a Sandra, repetíalle o nome de Irene, a Irene o de Mariola, a Mariola o de Mabel, a Mabel o de Susana e a Susana o de Sandra. Hai poucas cousas peores que o de dicir o nome da muller incorrecta en plena éxtase: un auténtico roubo da intimidade. Pois o Remi facíao. E así ía perdendo día a día rollos e amantes, todas elas moi por enriba do seu nivel, ás que engatusaba coa súa gracia natural, consistente nuns abdominais máis definidos que o chocolate Milka, un rostro esculpido con ángulos perfectos que anunciaban notables doses de testosterona, unha simpatía que puña ben a cuberto a súa ignorancia, torpeza e gañanería coas damas e outros valores dos que non convén falar con nenos diante. O Remi era carne de Mujeres y Hombres y Viceversa, cos seus músculos, as súas tatuaxes e o seu cerebro encollido.

Pronto aprendeu dos seus erros e botou moza formal, María. E abandonou vellos costumes, como os de deitarse con moitas mulleres de diferentes nomes. Volveuse serio e pasou a alternar exclusivamente con damas que se chamaban igual cá súa parella. María é un nome que abunda, mesmo agora que os pais lle dan por chamarlle Yessi, Jenny e Joanna ás súas fillas.

As municipais son as eleccións nas que a democracia menos se equivoca

Pero ao Remi falloulle o conto. O moi parvo creu que era cousa só do nome, relaxouse e seguíu facendo alarde de desmemoriado. E María acabouno deixando o día que, despois de varios comentarios incoherentes que facían mención as historias que lle relataran outras Marías, lle mandou unhas flores ao choio cunha tarxeta na que lle felicitaba a data de cumpreanos dunha das súas amantes.

A fábula do Remi ensinounos unha valiosa lección, á parte da conveniencia de ter boa memoria se tes pensado mentir ou estafar a alguén: o nome non o é todo. Hai que ser algo máis consistente nas relacións e coherente cos feitos.

E isto ten máis sentido que nunca en Pontevedra, de onde é o Remi, que segue a ser máis promiscuo ca Julio Iglesias.

Veñen as eleccións locais e saímos dunhas xerais. A conclusión foi que o PP se afundiu, o PSOE volve crecer e Ciudadanos xa é a alternativa real da dereita, á parte de que en España hai 2,5 millóns de persoas que están moi vencelladas aos valores tradicionais da súa nación e aínda por enriba están en contra dos inmigrantes, os independentistas e o feminismo. E hai xente que segue a pensar que todo é o mesmo no país e no seu pobo, que non ten en conta as peculiaridades do minifundio, xente á que, como Remi, lle dá igual a persoa, con tal de que sexa guapa e se chame María.

Se a política local é diferente por algo é precisamente por ser local, polo contacto diario, polo coñecemento dos líderes e os seus homes e mulleres. O compoñente ideolóxico continúa presente, pero perde poder fronte aos feitos e as cualidades dos seres humanos. Mentres que nas grandes administracións pesan as siglas e as ideoloxías, nos concellos o poder conséguese na cotidianeidade, nas obras e decisións que se palpan coas mans e no carisma labrado á calor dunha cunca de viño ou un whisky on the rocks.

As eleccións locais teñen outra cousa fantástica: o sistema electoral respecta a proporcionalidade do voto. É o momento no que a democracia ten máis dificultades para equivocarse. A pouco de volver ás urnas só nos queda demostrar que hai máis xente coma vostede que coma o Remi, e que elixe sen importarlle o nome.

Comentarios