O proxecto Apego amplíase a 23 concellos e a un millón de persoas

A iniciativa, que busca o fomento e a transmisión do galego dende a infancia, cumpre un ano de vida
Representantes dos concellos que o sábado asinaron na Coruña o protocolo de colaboración.
photo_camera Representantes dos concellos que o sábado asinaron na Coruña o protocolo de colaboración.

O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, asistíu este sábado, xunto con alcaldes, concelleiros e persoal técnico doutros 23 concellos galegos, á sinatura da axenda ao programa Apego, para a socialización en galego da infancia, que incorpora novas entidades municipais. 

No acto, desenvolvido no Centro Ágora da Coruña, estaban os representantes dos servizos de normalización lingüística da Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo, que se sumaron aos da Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo como referentes nos que a veciñanza pode informarse e sumarse ao proxecto Apego. Tamén pode contactar a través da súa presenza na internet: www.apego.gal e www.facebook.com/apego.gal

Despois do primeiro ano de vida deste proxecto (dirixido a poñer en valor a transmisión da lingua galega aos nenos e a facilitala con apoio, información, recursos, programación de actividades etc.), súmanse once aos doce concellos que inicialmente o botaron a andar. Deste xeito, o proxecto Apego chega agora a unha poboación que supera os 1.100.000 habitantes, entre a que está a das principais áreas urbanas, onde máis cómpre incentivar e facilitar a socialización en galego da infancia, pois neste proxecto participan seis das sete grandes cidades galegas. 

O acto estivo conducido por dúas representantes do persoal técnico dos servizos de normalización lingüística, que explicaron que é o Apego e a quen se dirixe, co apoio de moitas imaxes da andaina percorrida ata o momento. 

En representación dos concellos que formaron parte do Apego desde o inicio, interviñeron os alcaldes da Baña e de Negreira, e en nome dos que agora se incorporan as alcaldesas de Muros e Moaña, ademais do anfitrión. 

As intervencións dos alcaldes fixeron fincapé no interese da colaboración intermunicipal para que a veciñanza de moitos concellos poida acceder en igualdade de condicións a programas e servizos. Tamén resaltaron a necesidade dun proxecto coma este que valore positivamente a lingua e a súa transmisión, tendo en conta a situación xeral pola que pasa o galego, incluso nos territorios onde a realidade é aparentemente máis favorable. E, de xeito especial, dirixíronse ás nais e pais para os convidaren a que se sumen ao Apego e participen nas accións e nas redes que reforzan a socialización en galego das súas fillas e fillos.

Comentarios