O semáforo solicitado por veciños de Combarro xa está instalado na PO-308

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, inagurou este venres a posta en marcha do mesmo, que facilitará o tránsito para as persoas do lugar
Inauguración da posta en marcha do semáforo
photo_camera Inauguración da posta en marcha do semáforo

Os veciños de Combarro xa dispoñen dun semáforo no lugar da Canteira, na PO-308, que os permitirá cruzar cara a zona do porto. Ademais, instaláronse dous preavisos anunciando a súa existencia para advertir ós vehículos que circulan pola estrada.

A inauguración desta obra realizouse este venres coa presenza do alcalde de Poio, Luciano Sobral. Este admitiu que aínda que a petición formulada polo conxunto da veciñanza se realizou hai un ano, o semáforo non puido ser instalado ata agora: "Houbo certas dificultades, pero este ano cumprimos". Os retrasos foron provocados porque "nós tiñamos unha idea para este lugar que consistía en facer unha zona a 30 cuns pasos de cebra elevados para así evitar as retencións que provocan os semáforos, reducir a velocidade e facilitar o tránsito peatonal. A idea non foi autorizada porque a lei da Xunta nas estradas especifica que nas vías sobre as que discorren máis de 5.000 vehículos ó día non están permitidas as zonas a 30".

O Partido Popular deste lugar tamén se alegra pola nova instalación e agradece ás persoas de Combarro por ser os artífices desta operación, xa que asisitiron a diversos plenos esixindo a realización da obra. O voceiro da formación ‘popular’ en Combarro, Cándido Muíños, atacou ó actual goberno por "poñer multitude de impedimentos. Tanto os veciños como o PP lles reprochamos moitas veces que desen tan pouco valor á seguridade dos rapaces. Afortunadamente entraron en razón".

Muíños fixo fincapé en que "aínda queda moito por facer, seguiremos esixindo ó Concello que continúe realizando investimentos e actuacións que compensen o abandono ó que teñen sometido a Combarro".

Comentarios